Alumnado de Turismo da Universidade da Coruña aprende en Laxe bos exemplos de xestión pública

Algo estará facendo ben o Concello de Laxe en materia turística se ata un grupo de alumnos da Universidade da Coruña veñen a coñecer os seus proxectos.

O pasado venres,  alumnado do 4º curso da dobre titulación en Ciencias Empresariais e Turismo provinte do Centro Asociado á UdC, CENP, saíu da facultade para coñecer de primeira man o modelo de xestión turística integrado na administración municipal. E escolleron o Concello de Laxe, onde foron recibidos polo Concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Pose, e os técnicos municipais do departamento, Joaquín Vidal e María Mato.

María Mato, o alumno-moderado Antón e Xosé Pose Lema

Unha visita que forma parte da materia “Xestión Pública do Turismo”, titorizada por Carlos Rodríguez, profesor e Secretario Académico do Centro Español de Nuevas Profesiones (CENP), e estivo precedida por unha visita anterior ó Concello de Sanxenxo. “O que se pretende é que o alumnado coñeza de primeira man cales son as funcións, capacidades, e responsabilidades do persoal técnico de turismo, e en que medida repercute o seu traballo no planeamento e execución das políticas turísticas. Laxe e Sanxenxo, cada un no seu contexto, son exemplos de xestión turística con marcado carácter profesional.”

O Concelleiro inaugurou o acto, e de seguido presentou tanto o organigrama como o modelo de xestión turística de Laxe, facendo fincapé na súa aposta decidida pola desestacionalización do sector.

A continuación, María Mato realizou unha exposición técnica sobre o modelo de xestión cíclico consistente na planificación, execución, control e mellora do territorio de actuación turística.

Na súa intervención, a técnica resaltou a importancia de apostar por modelos de xestión que aseguren tanto a protección do medio natural, coma o control e a recondución eficiente de fluxos turísticos que sobrecargan as estruturas territoriais. Tamén falou sobre os retos básicos da xestión turística, baseándose nos pilares da sostenibilidade (tanto económica, coma sociocultural e medioambiental) e da integración, referíndose neste último caso ós beneficios a medio e longo prazo da aplicación de políticas turísticas de amplo alcance xeográfico.

O alumnado realizou unha intensa rolda de preguntas, de carácter tanto político coma técnico. Estas deron paso a un debate no que se abordou abertamente o papel das mulleres no sector turístico, en expresa relación a representatividade feminina nos postos de xerencia e dirección, tanto do sector público coma privado.

Joaquín Vidal guiou o grupo con destreza nunha visita ó Museo do Mar. Seguidamente visitaron a Igrexa de Santa María da Atalaia, a Praia de Soesto, e o Espazo Natural de Traba.

https://quepasanacosta.gal/os-valores-unicos-de-laxe/ https://quepasanacosta.gal/guia-de-turismo-unha-profesion-regulada/