Dúas mulleres dominicanas contrarán a súa experiencia sobre a cooperación internacional e a loita sobre a desigualdade
O alumnado do IES Cabo de Area de Laxe recibe hoxe - entre as 8:45 e as 10:30 horas - a visita de dúas mulleres dominicanas que lles contarán a súa experiencia na cooperación internacional e a loita contra a desigualdade na República Dominicana. O alcalde de Laxe - José Manuel Mouzo Castiñeira - acudirá ao encontro xunto cun dos seus concelleiros.
Esta visita forma parte do itinerario formativo do proxecto de Educación para o Cambio Social O Mundo que Queremos, no que o instituto leva participando desde principio de curso xunto co IES Isidro Parga Pondal de Carballo e outros catro máis de outros puntos da comunidade.
O obxectivo deste encontro é que o alumnado coñeza a realidade dos países empobrecidos a través da voz das súas protagonistas. Marleni Polo e Rosaura Pérez promoven a igualdade de xénero entre a poboación máis necesitada e defenden a igualdade de dereito entre a poboación de orixe haitiano e dominicano. Ademais traballan para dotar de recursos básicos - como saneamento, saúde e educación - á poboación dos "batey". Durante a súa charla, explicaranlle aos alumnos como se traballa de forma comunitaria para mellorar as condicións de vida das persoas. Tamén falarán sobre como contribúe a cooperación internacional a acadar este obxectivo e como as mulleres teñen un papel clave na loita contra a desigualdade global.
Ademais de realizar charlas en centros educativos, acudirán á facultade de Ciencias da Comunicación da USC e a de Ciencias da Educación da UDC, impartirán unha charla aberta en Pontevedra e reuniranse co voluntariado das organizacións que participan neste proxecto e con representantes de Cooperación Galega - financiadores do proxecto -.
Marleni Polo e Rosaura Pérez colaboran co Instituto de Acción Comunitaria (IDAC) da República Dominicana; unha organización que recibe fondos da Cooperación Internacional para contribuir ao desenvolvemento das zonas máis empobrecidas do país.
Fonte