Enchendo de vida, e investimentos, o Museo do Mar de Laxe

Xurxo Lobato no Museo do Mar de Laxe Interesantísima a visita de todo un Xurxo Lobato ao Museo do Mar de Laxe. Neste 2018, ano da recuperación do Arquivo Fotográfico Vidal, Laxe quere centrar a atención neste patrimonio, e unha das primeiras paradas foi esta charla sobre fotografía antiga que impartíu un dos mestres máis reputados do noso país. As expectativas do público eran altas e o fotoperiodista coruñés non defraudou. Baixo o título “Unha mirada á fotografía histórica en Galicia” transmitiu unha visión panorámica da fotografía, dende o século XIX ata a actualidade. Para facelo, usou de fío conductor a obra dunha serie de autores, coma Pacheco, Kasado, ou o pontevedrés Joaquín Pintos. Neste repaso houbo cabida para transmitir curiosidades e anécdotas, sempre con sensata cronoloxía. Entre elas, Lobato narrou a primeira manifestación de fotógrafos que tivo lugar na década dos 80, na que se reivindicaba a importancia da fotografía é a súa catalogación coma unha arte. Unha cita, a de Xurxo Lobato, xustamente inmortalizada para o recordo nun Museo do Mar. Un Museo, recordemos, especialmente vencellado a fotografía histórica, a través do riquísimo fondo gráfico de máis de 67.00 imaxes da familia Vidal.

Nova axuda

Interior do Museo do Mar de Laxe Clave está a ser o Museo do Mar de Laxe para desenvolver os valores “únicos” que está potenciando a concelleria de Comercio, Hostalería e Turismo. E xa pode contar con 20.000€ máis para a súa posta en valor gracias ao compromiso da Deputación, que aprobaba o pasado venres e por unanimidade de todos os grupos políticos, un convenio por importe de 20.000 euros para financiar a mellora de diversos equipamentos e infraestruturas do Museo do Mar de Laxe. O investimento servirá para dotar de novo mobiliario, sistema de seguridade e equipamento informático, audiovisual e técnico para as exposicións, entre o que destacan dúas novas pantallas táctiles de gran formato e varios ordenadores, ademais de vitrinas de exposición, armarios, estores e lonas, mesas e cadeiras. Material pensado para a posta en valor da recuperación do Arquivo Vidal Ademais, tamén permitirá renovar o sistema de alumeado das salas de exposicións por outro máis eficiente con tecnoloxía LED; e instalalar dun sistema de seguridade no inmoble que estará composto por cámaras de videovixiancia e un detector volumétrico para o interior, así como a instalación dun sistema de fío musical e conexión Bluetooth. Finalmente, incluiranse pequenas obras de mellora no inmoble entre as que cabe destacar a impermeabilización do foso do ascensor e a reforma de varias cristaleiras das vitrinas actuais. O Concello terá que aportar 5.000€ para completar a axuda. https://quepasanacosta.gal/os-valores-unicos-de-laxe/ https://quepasanacosta.gal/2018-o-ano-da-recuperacion-do-arquivo-fotografico-vidal/