Preocupación entre a veciñanza dos arredores da futura mina de Coéns

Vistas de Coéns da que será a explotación mineira

”Estamos preocupados, xa que existe un proxecto para unha mina e ninguén nos dou información”. Así se refirte unha veciña de Coéns, en Laxe, ante o proxecto para abrir unha mina a ceo aberto, presentado por Caolines de Vimianzo, e que se atopa na Consellería de Medio Ambiente esperando para ser aprobado. “Temos medo das nosas viviendas xa que estan construidas nun terreo pedroso, e como toda explotaci´pn mineira usanse explosivos e barrenos, entón como serán os desperfectos?”.

A veciñanza desta pequena aldea laxense están empezando a mobilizarse, presentando alegacións no Concello, por este proxecto que trata de reabrir unha antiga mina. A día de hoxe quedou un lago, naturalizado dende hai uns 50 anos, pero a idea da empresa soneirá (capitalizada con fondos 100% italianos), é volver a explotala. “Estamos preocupados pola contaminación do aire e a presencia constante de ruído”, asegura a veciñanza dos lugares de Coéns, pero tamén de Gundar e de Matío, o máis próximo á explotación.

Mina de Coens dende o lugar de Matío

O proxecto

O proxecto, que se atopa na avalización de estudo de impacto ambiental, pretende a reapertura da antiga mina de caolín de Coéns, onde agora está a lagoa, que foi explotada por “Kaolines de Laxe, S.L.” que fundouse no 1930 e operou ata 1982.

Segundo o informe, o estudo de investigación incluíu 21 sondaxes cunha profundidade media de 21 metros, co seguinte resultado: Existe un xacemento de caolín, con potencias de ata 25 m. As reservas explotables alcanzan os 147.115 m3, o que representa un total de 264.808 t. polo que sería moi rendible para a explotación mineira.

A totalidade da superficie ocupada no Permiso de Investigación abarca seis cuadrículas mineiras( unhas 30 hectareas por cuadrícula) A superficie máxima prevista será de 29.744 m2, correspondese coa apertura de dous ocos de mina. Para esta apertura será necesaria a facer unha instalación de residuos do tipo vertedoiro, nunha área de 34.200 m2. Tamén prepararase unha superficie de 14.960 m2 para infraestruturas e provisións de terra vexetal.

Mapa da mina de Coens

Posibles impactos

O proxecto industrial mineiro pode afectar ao benestar e á saúde dás persoas dos lugares onde se vai explotar unha mina a ceo aberto. Non consta que se notificara aos veciños e veciñas directamente afectados a existencia deste proxecto industrial nin por parte do Concello nin da Xunta de Galicia e nin sequera tivo publicidade no DOG.

E a veciñanza xa vai atopando incongruencias no estudio. No momento da redacción do E.I.A. non constaba ningunha zona húmida protexida na zona pese a que o oco dá antiga mina de caolín, clausurada en 1982, forma unha lagoa que tras 43 anos está completamente naturalizada existindo arredor dela un ecosistema vivo, e constitúe un humedal que temos a obriga de conservar e protexer. O humedal Redondelo sitúase a 143 m do centro do proxecto mineiro e recentemente foi catalogado por resolución. do 9 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural DOG Núm. 36, de 20 de febreiro de 2024. A recente inclusión da lagoa no Inventario de Humedales de Galicia (IGH), fai cambiar a perspectiva respecto a unidade medioambiental e paisaxística conformada polo Val de Aplazadoiro, os Penedos de Traba e o Val de Traba.
Os tres espazos atópanse en perigo pola vulneración da Directiva 92/43/CEE del Consello de Europa, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. Con cambio de perspectiva deste espazo posiblemente se consideraría unha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e formaría parte da Lista de Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) así como nas Zonas de Especial Conservación (ZEC).

Ademais, lembran que a Lagoa de Coéns é lugar de parada e nidificación de aves migratorias, entra dentro da Zona 3 do Plan de xestión do Lobo e son frecuentes os avistamentos de mamíferos como o corzo.

Igualmente denuncian que a contaminación do aire, pode provocar durante 30 anos unha enorme cantidade de po en suspensión.

Falan tamén de contaminación acústica, nun radio aproximado de 50 m en horario diúrno. Os rúidos provocados polo funcionamento dos motores, bombeos, movemento das eirugas, tránsito constante de camións ou rozamento dos pneumáticos co chan. Preocupa o ruído das explosións para o arranque do mineral.

Ademais, como explicaba a veciña, as casas dos núcleos urbanos de Coéns e Gundar mesmo os de A Torre, Aprazadoiro e Matío están construídas sobre un subsolo de granito. A rocha forma unha unidade estrutural que se supón vai ser afectada polas vibracións provocadas na extración do mineral, asentamento do chan, explosións e barrenos utilizados nas labores mineiras. Os movementos de terra continuos e prolongados no tempo serán un perigo para a seguridade das vivendas.

Patrimonio e economía

Por un lado aseguran que a mina afectaría directamente a serie de proxectos de emprendemento relacionados co turismo sustentable formulados por varias familias para asentar poboación.

Pero é que ademais, a E.I.A. ignora a presenza de elementos patrimoniais únicos na zona, relacionados coa actividade humana. O proxecto industrial mineiro ignora intencionadamente o patrimonio e fai un desprezo total a riqueza cultural da área de afectación. Como exemplos:

  • Xacemento arqueolóxico Monte do Castro na Camposa- Sarces;
  • O conxunto de arquitectura popular de Gundar en perfecto estado de conservación: cabazos, eiras de mallar, lavadoiros, vaos e cruceiros, próximos ao conxunto de muíños e batáns de Mosquetín;
  • O lugar de O Aprazadoiro é un exemplo conservado de coherencia de núcleo rural con estrutura tradicional arredor dun pazo coa súa capela, fontes e servizos.
  • O dolmen da Fornela dos Mouros a incluír no Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte.
  • Na mesma zona, na Biqueira, atópase a estación de arte rupestre A Pedra Xestosa única na Costa da Morte por ter representacións animais.
  • Rochas singulares en Coéns como A Pedra do Avión. Elevacións graníticas milenarias que forman unidade paisaxística e xeolóxica cos Penedos de Pasarela e Traba con figura de Paisaxe Protexida.

Por todo isto, a veciñanza pon en alerta a toda a comarca e pide ás autoridades responsabilidade.