A Asociación Galega de Ataxias segue tendo base en Malpica

O Concello de Malpica ca Asociacion de Ataxias

O Concello de Malpica de Bergantiños reiterou estes días a súa solidariedade coa Asociación Galega de Ataxias. Os membros do equipo de goberno participaron na cuestación realizada no mercado municipal pola Asociación Galega de Ataxias (AGA). Con este xesto, o goberno municipal volveu a manifestar o seu apoio á entidade, que conta con gran implantación no municipio.

Os representantes do goberno malpicán destacaron o importante labor que desenvolve a Asociación Galega de Ataxias tanto na atención directa aos doentes coma na información e asesoramento ás persoas afectadas e aos seus familiares. Durante a xornada informativa, a presidenta da AGA, Lola Castro, e a vogal Juliana Moscoso Lema repartiron trípticos nos que explican que é unha ataxia, cales son os seus síntomas, o estado das investigacións para atopar unha cura e o labor que desenvolve a propia entidade.

As persoas que desexen recompilar máis datos ou colaborar con AGA poden poñerse en contacto vía mail ataxias.galicia@gmail.com ou por teléfono nos números 981 234 651, 636 779 682 ou 629 178 566.

De subvencións culturais

Paralelamente, o Concello malpicán informa das axudas ás entidades e clubs deportivos do municipio de Malpica, que xa poden tramitar dende hoxe as solicitudes de subvención correspondentes ao ano 2015.

Así mesmo, dende onte está aberto o prazo para solicitar as axudas destinadas a entidades sen ánimo de lucro para o fomento do asociacionismo e a cultura. Neste caso serán subvencionadas as actividades desenvolvidas entre o 1 de xaneiro do 2014 e o 31 de decembro do 2015. En total, o Concello de Malpica repartirá 51.000 euros.

As subvencións para fomentar as actividades deportivas e recreativas, cun orzamento global de 17.000 euros (que se duplicarán porque se outorgarán tamén as de 2014), están destinadas a entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan as súas actividades no termo municipal e que estean inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións. O prazo está aberto durante 30 días a partir de hoxe. As bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do pasado xoves.

Quedan pois menos de 30 días de prazo para repartir as cantidades entre cabalgatas de Reis (2.000 euros), Entroido (4.000 euros), encontros e festivais culturais (3.000 euros) e promoción cultural (25.000 euros).

Fonte