Artellando un libro de lendas malpicás
Canto valen estes obradoiros de lendas que o filólogo Xosé Manuel Varela está levando por Malpica adiante. Pequenos e maiores puideron disfrutar da súa sabedoría, uns aprendendo e outros contando, unindo xeracións a través da cultural oral popular. As últimas sesións destes obradoiros celebráronse onte pola mañá no IES Urbano Lugrís de Seaia e pola tarde no CEIP Xoaquín Rodríguez Otero de Buño, cunha gran participación por parte dos escolares. O coordinador do proxecto cualificou os talleres como “moi satisfactorios”, malia que a folga no ensino reduciu o grupo de alumnos de 3º da ESO na xornada matinal.
Unha vez recollidas as achegas dos escolares e dos usuarios das aulas de lecer de Buño e Malpica, o seguinte paso consistirá na redacción dun catálogo de lendas para o Concello de Malpica e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Así mesmo, Xosé Manuel Varela e o pintor Miguel Anxo Calvo están a traballar xa nun libro ilustrado de lendas malpicás que esperan ter rematado de aquí a fin de ano.
Os obradoiros permitiron realizar unha recolleita de literatura oral transmitida de xeración en xeración e comprobar a súa riqueza. De feito, hai lendas de santos, furnas, covas, túneles, mouros e mouras, carballos, mosteiros, meigas, vigas de ouro, caldeiras de ouro, pedras con pegadas... pero haberá que esperar á publicación do libro para coñecelas en detalle.
Novas relacionadas
- Xosé Manuel Varela fai realidade a transmisión xeracional coas lendas de Malpica.
- Os poetas populares de Cabana xa teñen o seu libro gracias á divulgación de Xosé Manuel Varela.
- Xosé Manuel Varela edita a Antoloxía de poetas populares de Cabana de Bergantiños.
- E Rosalía tamén rendeu homenaxe a Fermín da Feiranova.
- O pandereteiro de Neaño Plácido Vigueret.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).