Iniciadas as obras de reparación da senda de San Adrián

Como nos gusta ver que os concellos coidan os seus sendeiros. E máis se son parte do Camiño dos Faros, pois o mesmo Traski pedíu a implicación dos Concellos unicamente en materia de mantenimento dos camiños.

Pois por Malpica, xa están en marcha as obras de reparación da senda de San Adrián, na que o firme estaba bastante deteriorado debido ao efecto das escorrentías ocasionadas polos temporais do último inverno a causa da elevada pendente. Eses problemas quedarán subsanados grazas a unha achega da Dirección Xeral de Conservación da Natureza con cargo ao programa de axudas a actividades, actuacións ou medidas de concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciada con fondos FEADER. A mellora do camiño de San Adrián ten un orzamento de 8.032.80 euros e está a ser executada pola empresa Construcciones López Cao.

A obras son de reparación da senda existente mediante o acondicionamento do firme con zahorra nos tramos máis deteriorados, que son o acceso á capela dende a fonte e a subida da Praia de Seaia. O resto do camiño será bacheado e tamén se substituirá algún travesaño de madeira que está deteriorado.
A senda de San Adrián, de varios quilómetros de lonxitude, é moi utilizada coma circuíto de paseo polos malpicáns, pero sobre todo é un camiño imprescindible para os romeiros que soben á capela coincidindo coa festa do santo, no mes de xuño.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).