Malpica arrincou o outono ao sabor das tapas

Ambientazo nos bares da Ruta de Tapas Malpica sabe a mar

Menudo ambiente que se vivíu esta fin de semana nos 9 establecemento hostaleiros que se apuntaron á ruta de tapas “Malpica sabe a mar”. E iso que era fin de mes! Pero xa se sabe que esta clase de citas gastronómicas nunca defraudan e animan á veciñanza e aos visitantes dos arredores a probar a novas delicatessen.

Tanto os hostaleiros (“repetiría para a semana”, ou “dá gusto ver tanto ambiente en Malpica nesta época”, aseguraban algúns) como os comensais quedaron máis que satisfeitos e ratificando o éxito do formato tras esta segunda edición.

Un formato máis mariñeiro, cargado de chipirón, chopo, bacallau, polbo, ameixas, mexillóns e mesmo percebes en moi diversas elaboracións e por só 1,5 euros. Ademais do prezo, en “Malpica sabe a mar” tamén se promociona a Olería de Buño, ao utilizar pratos elaborados artesanalmente con barro. E un terceiro aspecto que contribúe ao éxito son os premios: botellas magnum, bolsas, camisetas, mandís, tapas... Este ano repartíronse case 800 premios.

Outras actividades paralelas

A ruta de tapas contou este ano cun programa de actividades paralelas organizadas pola Concellería de Educación, Cultura e Turismo e o propio sector da hostalería. Deste xeito, o sábado pola mañá celebrouse a Ruta do Renacemento, que levou aos 25 participantes (as prazas eran limitadas e quedou xente en lista de agarda para outra futura visita) á igrexa e ás Torres de Mens. Guiados pola técnica de Turismo do Concello de Malpica, María Taibo, e polo propietario das torres, Agustín Ordóñez, que se amosou unha vez máis como un excelente anfitrión, estas 25 persoas tiveron a oportunidade de coñecer dúas xoias do patrimonio malpicán. As explicacións foron tan detalladas e os visitantes amosaron tanto interese que a visita ao Ecomuseo Forno do Forte xa non puido levarse a cabo, e realizarase noutra data.

E pola noite, coincidindo co horario de “Malpica sabe a mar”, os gaiteiros da asociación cultural Malante animaron os establecementos participantes na ruta, nos que houbo moitísimo ambiente, coa súa música. E para que o bo ambiente continúe, a hostalería ten preparada para o sábado que vén a actuación do dúo D’Café na praza.

Máis obras

Paralelamente, o Concello vén de comprobar que as obras de mellora de infraestruturas nas rúas Mouróns e Piñeiros, en Buño, están case rematadas, tras 2 meses de traballos. O proxecto, que tamén inclúe unha actuación no Alto de Mens, forma parte do Plan de Acción Social (PAS) 2015, dentro do cal tamén está en fase de execución a mellora de infraestruturas en Cancela das Areas, por parte da empresa Construcciones Alejandro Martínez e Hijos e cun investimento de 24.992,67 euros.
Dentro do PAS tamén se incluíu a mellora da seguridade da iluminación pública nas parroquias de Buño, Cambre, Cerqueda e Leiloio, o acondicionamento dos parques infantís de Beo e do CEIP Milladoiro e o cambio de ventas e fachada do Centro Cívico.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com).
  • Concello de Malpica.