Marea de obradoiros para pequenos e maiores en Malpica

Maiores de Buño que comezaron o curso de manualidades Xa están en marcha os cursos de manualidades para maiores e/ou persoas con diversidade funcional que organiza a Concellería de Servizos Sociais de Malpica. O departamento que dirixe Marisol Blanco Gorín aposta un ano máis por este tipo de formación dada a boa acollida que ten entre os e as participantes, maioritariamente mulleres. Os cursos desenvólvense tanto en Malpica coma en Buño. No Centro Cívico asistirán a clases todos os luns e os venres pola mañá máis de vinte persoas. A súa monitora será Lucía Villanueva. Pola súa banda, Chelo García encargarase do grupo que se reunirá todos os martes e os venres na Casa do Oleiro, e que está formado por unha decena de mulleres.
Maiores de Malpica no curso de manualidades

Marea de cursos

Empeza un novo curso con actividades para nen@s, moz@s e adult@s de Malpica. A Concellería de Educación, Cultura e Turismo, que dirixe Noelia Freijeiro, abre o prazo de inscrición para os obradoiros e actividades municipais.

Os peques

Os máis pequenos e as máis pequenas da casa volverán a subir ao escenario da Escola Municipal de Actividades Escénicas (EMAE) no obradoiro de teatro que se celebrará no auditorio do Centro Cívico de Malpica e no CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño a partir de outubro.

En Malpica haberá catro grupos: • Grupo I (nenos/as de 4-5 anos): xoves de 16.00 a 17.00 horas • Grupo II (6-8 anos): xoves de 17.00 a 18.00 horas • Grupo III (9-12 anos): xoves de 18.00 a 19.00 horas • Grupo IV (de 13 anos en diante): xoves de 19.00 a 20.00 horas

En Buño haberá un único grupo para nenos/as de 6 a 12 anos, que se xuntarán todos os martes de 17.00 a 18.00 horas. A presentación da actividade será o 4 de outubro, ás 17.00 horas, en Buño, e o día 6 á mesma hora en Malpica.
O prazo de inscrición está aberto ata o 29 deste mes, e o prezo da actividade é de 16,29 € ao mes.

Ademais, en outubro arrancarán tamén os obradoiros infantís de manualidades, en concreto o día 3 ás 17.00 terá lugar a presentación en Buño e o día 5 ás 16.00 horas, en Malpica.

No Centro Cívico haberá catro grupos: • Grupo I (3-7 anos): mércores de 16.00 a 17.00 horas • Grupo II (3-7 anos): mércores de 17.00 a 18.00 horas • Grupo III (8-14 anos): xoves de 16.00 a 17.00 horas • Grupo IV (8-14 anos): xoves de 17.00 a 18.00 horas En Buño haberá un grupo para nenas/os de 3 a 12 anos os luns de 17.00 a 18.00 horas. O prazo de matrícula tamén está aberto ata o día 29, e o prezo da actividade é de 11 euros ao mes. Os nenos/as que se matriculen en teatro e manualidades pagarán 19,45 euros ao mes en total.

Os adultos

O 3 de outubro empezará tamén o curso de manualidades para adultos/as, dende os 15 ata os 55 anos. As clases serán os xoves de 18.30 a 19.30 horas no Centro Cívico, e a cota, de 11 euros ao mes.

Poden inscribirse no departamento de Educación e Cultura, 09.00 a 14.00 horas (luns a venres), ou no Tfno: 981 707 104.

Fonte

  • Concello de Malpica.