Novas xornadas de formación para hostaleiros en Vimianzo e Malpica

Continúan os proxectos de dinamización turística de Malpica e Vimianzo en marcha. Dous proxectos, O mar de Sisargas e Do mar á Terra con varios puntos en común, como a participación dos GDR, ou a clara intención de dinamizar o sector turístico da zona a base de formación. E fai falta formación no sector servicios da nosa bisbarra se nos queremos especializar nun turismo de calidade.

Sesións formativas en Vimianzo

Continuamos cun setembro de vertixe formativa no proxecto "Do mar á terra". Esta semana os hostaleiros coñecerán novas técnicas de manexo e conservación dos produtos do mar e unhas claves de xestión enfocada ao turismo.
Tras unha semana na que viaxaron a coñecer mellor o produto provinte da confraría de Laxe, e na que recibiron pautas sobre a presenza das empresas en Internet, da man de Daniel Cerqueiro e Manuel Pan, os empresarios de Vimianzo emprenden novas actividades formativas.

Así, este luns 16 de setembro, o cociñeiro Miguel Silvarredonda, impartirá o curso “Manexo e conservación dos produtos do mar”. O chef ensinará aos hostaleiros os cortes básicos do peixe e novas técnicas de conservación e envasado.
E de contado, o mércores día 18 os empresarios de Vimianzo acudirán á Casa da Cultura á charla “Xestión de empresas turísticas”, na que se explicará a importancia da calidade e da garantía de orixe nos produtos turísticos.

En ambos casos as actividades se realizarán na Casa da Cultura de Vimianzo de 17.00 a 20.00 horas.

Comezo do programa formativo en Malpica

Se por Vimianzo xa levan varios meses, “Malpica. O mar de Sisargas” inicia agora o programa formativo dirixido aos hostaleiros locais, unhas sesións que comezaban aló por xuño.
Así, dende esta semana e ata o 10 de outubro, os establecementos interesados en participar na Rede de Hostaleiros promovida polo proxecto ecoturístico teñen á súa disposición un completo programa formativo. As charlas e clases prácticas desenvolveranse os martes e os xoves en horario de 17.00 a 19.00 horas entre o 17 de setembro e 10 de outubro no Centro Cívico de Malpica e nas instalacións de Fórum Carballo. Excepto á saída experiencial ao destino turístico Arousa Norte, ao resto das citas os hostaleiros poden acudir acompañados polo persoal do seu establecemento de xeito que se facilite a transmisión de coñecementos. O único requisito que deben cumprir os restauradores é asistir a cinco das oito accións formativas do programa.

Así, para este martes 17, o presidente da Asociación Galega de Profesionais do Márketing (Markea), Xosé Luís Reza, dará as claves de “Márketing para hostaleiros”.

O chef Adrián Felípez, será o encargado de dúas sesións (xoves 19 e xoves 26). Na primeira delas poñerá en valor os produtos locais extraídos do mar de Malpica, complementados cos da terra, baixo o título “Cociña local. Coidar os nosos tesouros”.
No segundo encontro continuará a formación no Fórum Carballo cunha sesión práctica sobre “Microgastronomía” na que ensinará aos asistentes como elaborar as mellores tapas e outros pequenos bocados con calidade e sendo competitivos. Adrián Felípez, xerente da asesoría Gastroconsulting, é o chef do restaurante do ArtBar (RazoCarballo).

O tema de outubro será de “Atención ao cliente” e o xoves 3, os hostaleiros trasladaranse á Aula de formación de Cafés Delta (polígono de Carballo) onde o barista Sergio Quintela lles dará as claves para facer un bo café.
Xa o martes 8 a acción formativa estará dedicada a “Internet e Redes 2.0” e o xoves 10 está programa unha visita experiencial ao destino turístico Arousa Norte

Novas relacionadas