A Raigañas adica a súa Foliada “a todas as mulleres mestras pandeireteiras do país”

O sábado 26 de abril, a Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda celebrará a XVII Foliada e a XI Foliadiña no Local Social de As Pozacas. Unha foliada moi especial, tendo en conta as protagonistas do Día das Letras Galegas deste 2025.

A Raigalas adica esta Foliada a todas as “mulleres mestras pandeireteiras do país, pero en especial ás da nosa parroquia ás que nos ensinaron a manter a nosa tradición oral, a nosa língua e a facer comunidade”.

Son mulleres ademais con nome e alcume (máis que apelido), como veñen recollendo nas súas redes sociais: As Trighas de Ardeleiro ( Florinda, Elvira e Sabina), Higinia do Ghallegho, María de Vighán, Carmela, Evangelina e Lola do Ghoriño, Socorro da Locaia, Carmen de Blanco, Florinda da Tera, Generosa do Saleiro, Ramona de Margharito, Ramona de Pena, Dolores de Martiño e Dolores de Mandián.

Son conscientes de que hai moitas máis, pero polo de pronto son as que coñecen.

Tamén estenden a homenaxe ás mestras pandeireteiras que pasaron (e as que aínda están) pola asociación dando aulas de pandeireta e canto e ensinando a manter e coidar o legado musical e oral que deixaron ás nosas avoas e que forma parte da identidade: Fransy González; Silvia Suárez, Pili Balado, Begoña do Manso, Olga Kirk, Rosario das Marías, Mar da Bouzas, Icía do Manso e Sonia Reborido.

Programa

O día comenzará cunha sesión vermú ás 13:00 h que estará amenizada polos grupos de pandeireteiras e gaiteiros de Raigañas e o grupo de música A Requinta da Laxeira, que farán bailar e gozar ata as 15:00 h. Quen acuda á sesión vermú ademáis de tomar un vermú poderá comer alí (por un módico prezo) e continuar pola tarde (a partir das 17:00 h) disfrutando cos contos que nos traerá María da Pontragha e tamén haberá un obradoiro de varas de bimbio para nenos.

A partir das 18:00 comezará a Foliadiña cos máis cativos que deleitarán co seu bo facer tradicional. E a partir das 20:00 h dará comenzo a Foliada que durará ata aproximadamente as 2.30 h da mañá.

Haberá unha gran carpa, que cada ano buscan ambientala cunha temática, ligada ao cartel “imos de romería” que fixeron coa foto de Raquel Uxía.