Travesía Illas Sisargas: Unha fazaña con historia

Menuda proba a IV Travesía Illas Sisargas que chegará o vindeiro 28 de xullo. Xa hai máis de 50 inscritos, de feito xa non hai prazas libres, para realizar esta travesía a nado entre a Illa Sisarga e a praia de Malpica, pasando polo Cabo de San Adrián e Punta Seaia.

E falamos dunha travesía con historia ademais. Contan dende a organización que aló polo 1933 xa un tal Domingo Suárez nadou entre as Illas e a praia malpicá, convertíndose no primeiro nadador que facía o percorrido, a pesar da hipotermia colleitada. De feito, non se recuperou da fazaña e acabaria morrendo apenas 11 meses despois.
Ninguén repetira tal tolería ata que o seu bisneto, Daniel Cambón, no 2011, probou sorte. E conseguiuno, asegurando que repetiría. O pasado ano foron 7 os nadadores que se atreveron e este ano serán máis de 50.

Unha travesía que nos lembra unha das nosas primeiras reportaxes, aló polo 2007, cunha travesía entre Muxía e Camariñas.

Estaremos atentos.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).