A traxedia do Prestige, dezaseis anos despois

Un dos primeiros días do Prestige en Nemiña Esta semana faranse 16 anos do afundimento do petroleiro Prestige fronte á Costa da Morte, o que provocou un dos maiores desastres marítimos e medioambientais da historia de Europa, ao verter ao mar 63.000 toneladas de chapapote que afectaron a 3.000 quilómetros de costa e a máis de mil praias entre as costas de Galicia e o País Vasco. “Foi un drama terrible provocado pola incompetencia das autoridades, en concreto do Ministro Álvarez Cascos, quen ordenou que o barco se afastara da costa fronte ás indicacións dos técnicos que dicían de levalo a augas máis tranquilas”, sostén o cantante Xurxo Souto, membro da plataforma cidadá Nunca Máis, creada naquel novembro de 2002 como reacción da cidadanía contra a xestión da traxedia. As vilas de Fisterra, Muxía e Camariñas, zona cero da catástrofe, viron como pouco a pouco o seu litoral se tinguía completamente de negro. “Quédaste co recordo dun accidente que pola incompetencia dunha chea de xente, convertérono nunha calamidade. O que non sabe non se pode encargar das cousas que non entende, e cando os políticos comezan a facer de técnicos, mal asunto”, explica José Manuel Marcote, alcalde de Fisterra.

Axuda dos voluntarios e conciencia social

Na opinión de Marcote, “unha vez feito o dano, co que te quedas é co recordo de toda aquela xente que chegou ata aquí con toda a súa vontade, e desde diversos puntos de Galicia e España, para axudarnos a limpar todo o alcatrán que aquí había. A chegada foi inminente”, recorda o rexedor fisterrá. Neste sentido, Xurxo Souto lembra como ante aquela hecatombe sen precedente, “só houbo un único antídoto, que fomos as persoas apañando chapapote a pé de costa e na rúa a berro de Nunca Máis, un lema que nos levou ata Bruxelas e converteu a Galiza nun referente para toda Europa”, engade. Así, para Souto queda claro que despois de dezaseis anos, hai outra conciencia social e que se se volvera repetir un incidente coma este “seguramente o Presidente da Xunta non marcharía de caza como fixo Manuel Fraga, nin o ministro de Madrid mandaría o barco ao ‘quinto pino’, como dixo naquel momento”.

Todo a Costa da Morte, incluída a comarca enteira de Bergantiños, mobilizouse canda o Prestige

Responsabilidades

A Sala do Penal do Tribunal Supremo condenou en novembro de 2013 unicamente ao capitán do barco, Apóstolos Ioannis Mangouras, a nove meses de cárcere por un delito de desobediencia grave ao goberno estatal español. Sentencia que foi corrixida polo Tribunal Supremo en xaneiro do ano 2016, e na que se condenaba de novo ao capitán a dous anos de prisión, esta vez por delito medioambiental, polo que debía facer fronte a indemnizacións de 1.573 millóns de euros ao Estado español. Así mesmo, a sentenza puxo toda a carga sobre o “deplorable estado do buque” centrando a responsabilidade na armadora e xustificando as medidas levadas a cabo polo goberno do PP, incluída a decisión de enviar o buque a alta mar. O maior desastre medioambiental da historia de Galicia quedaba deste xeito impune e sen ningún culpable... “É moi problemático meterlle a culpa a alguén en concreto porque a Administración non quere facerse cargo da súa propia responsabilidade. Persoalmente, eu non creo que o capitán quixera romper o buque”, indica o alcalde de Fisterra, José Marcote, quen insiste en que “as cousas hai que intentar evitalas antes, e ser tratadas por profesionais”. Pola súa parte, Souto di que “a xustiza cada vez é menos xusta. Está claro que a traxedia foi provocada por unha mala decisión do goberno do PP, era un accidente perfectamente asumible e provocou unha desgraza sen precedentes”. Xurxo fai fincapé na idea de reivindicar o poder económico do noso mar máis aló dos desastres ecolóxicos, e “facer da ruta mercante que pasa polas nosas augas un evento de riqueza real para todos e todas”.