O BNG leva a Bruxelas unha expedición da pesca artesanal para facernos oír no Parlamento Europeo

Os pescadores do xeito xa estiveron no Parlamento Europeo en 2017 co BNG

Non é a pesca artesanal un tema que a meirande parte dos partidos leven na carteira habitualmente. De feito, a vontade da Unión Europea de ir modificando a realidade socio-económica de zonas como Galicia, derivando o sector do mar cara o turístico a través de axudas, leva sendo apoiado polos grandes partidos. Unha realidade que contrasta coa nosa realidade, coa nosa dependencia do sector do mar.

A realidade é que poucos teñen levado a defensa da nosa pesca artesanal ao Parlamento Europeo. Ten ido a Asociación Asoar-Armega durante anos, a defender o noso sector, e ten ido ao BNG pedindo protección das nosas artes pesqueiras e marisqueiras.

Volve esta vindeira semana o grupo do BNG a Bruxelas, levando ao Parlamento unha delegación da profesionais da pesca de baixura e marisqueo para defender os intereses galegos nas institucións comunitarias. Nas xornadas de traballo organizadas pola eurodeputada Ana Miranda tamén participarán a alcaldesa de Moaña e o concelleiro de Mar de Fisterra, Kuka Sar, sendo a vila fisterrá e, polo tanto a comarca da Costa da Morte, unha das dúas escollidas polo grupo para defender os intereses de todo o litoral galego.

A viaxe será os vindeiros 8 e 9 de outubro, e tamén contará coa participación de Emilio Louro, Milucho, o que foi secretario da Confraría de Lira moitos anos e agora é Patrón da Fundación Lonxanet de Pesca Sostible; Rafael López Insua, da confraría de Fisterra; e Primitivo José Pedrosa González da Confraría de Muros. Ademais, os xornalistas Pepe Formoso, da Radio Nordés, e Ubaldo Cerqueiro de QPC poderán ver de preto e contar o traballo da expedición no Parlamento.

Política Pesqueira 2021-2027

O obxectivo será participar nunha xornada de traballo sobre os fondos comunitarios marítimo pesqueiros para o vindeiro período 2021-2027 que actualmente se están negociando. A importancia da presencia do sector galego en Bruxelas radica en que precisamente o prazo de presentación de emendas remata o vindeiro día 12 de outubro.

As xornadas de traballo incluirán un seminario sobre a política pesqueira común, a cargo de Brian O´Riordan, Director Adxunto de LIFE - Pescadores de Baixo Impacto Ambiental, así como a asistencia á sesión da Comisión de Pesca prevista para o luns pola tarde. Xa o martes a delegación de pesca celebrará unha entrevista, na Comisión Europea, con Elisa Roller, xefa de Unidade da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea e diversos responsables dos fondos e as cotas comunitarias.

”Tratamento específico”

Para o BNG a posición está clara: “A pesca artesanal e de baixura é unha parte esencial do sector pesqueiro galego que require un tratamento diferencial, por iso consideramos tan importante que poidan participar directamente nas negociacións”, destacou Ana Miranda. A eurodeputada, recollendo as suxestións do sector, xa denunciara na Comisión de Pesca do pasado mes de xuño algunhas medidas que a Eurocámara pretende instaurar, como a excesiva imposición de trámites administrativos aos mariñeiros e a instalación de cámaras nas pequenas embarcacións.

Ademais pedirase tamén que non se limite a pesca artesanal ca nova definición, que marca 12 metros de eslora como máximo, considerando que hai que ter en contra “outros criterios, como a distancia da costa e o uso de artes sostibles”,.

Novas relacionas

https://quepasanacosta.gal/o-bng-pide-no-parlamento-europeo-que-o-corredor-maritimo-de-fisterra-sexa-considerado-zona-especial/ https://quepasanacosta.gal/europa-da-un-paso-na-proteccion-do-xeito/ https://quepasanacosta.gal/kuka-sar-%E2%80%9Cpola-defensa-dunha-costa-da-morte-cunha-pesca-sustentable%E2%80%9D/ https://quepasanacosta.gal/o-bng-pide-compromiso-aos-concellos-coa-loita-da-pesca-artesanal/

Artigos mariñeiros da serie “Calafateando”.