Mazaricos lembrou a historia do asasinado Che de Pedro durante o Día da Loita da Veciñanza Comuneira

Emotivo acto o que se viviu este pasado sábado en Mazaricos. O Concello costeiro acollía a conmemoración do primeiro Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal. A actividade, organizada pola Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común e o Instituto Galego de Terras Comunitarias, recoñece o labor de moitos homes e mulleres en defensa dos montes veciñais en Galicia.

Unhas 80 persoas participaban xa na charla que tivo lugar na Casa de Cultura.

Máis emotiva foi aínda a ofrenda floral no monumento do monte veciñal de Eirón, onde se recorda a morte do veciño Xosé Esperante, Che de Pedro, en 1963 durante a mobilización a favor desta forma tradicional de propiedade.

No acto, no que participou o alcalde Juan Blanco e mais os fillos de Esperante, contouse a súa historia daqueles anos de mediados do século pasado cando Franco decidiu quitar os montes veciñais á xente das vilas. Eirón foi unha das parroquias que se organizaron contra estes roubos, e conta a historia que o 22 de xaneiro de 1963, cando “os da Forestal” quixeron plantar o monte comunal do Outerio, os veciños enfrontáronse a eles, trantando de impedilo. “Nese enfrontamento, a Guardia Civil, disparou a dar contra os veciños que estaban a impedir que as máquinas traballaran o monte roubado, ferindo a 3 veciños, un deles José Esperante (Che de Pedro) que morrería horas máis tarde”, conta o mazaricán Fernando Rial tras escoitar a historia de veciños da zona.

Ao remate do acto plantáronse dous carballos como homenaxe a carón do monolito conmemorativo que colocou o BNG de Mazaricos en 1998.