Muros rompe as súas barreiras

Presentacion do proxecto Auga e Sal en lingua de signos no adro da excolexiata de Muros

Presentan a adaptación do circuito cultural “Auga e sal” en lingua de signos e con material para cegos

Emotiva foi a presentación que acolleu o adro da excolexiata de Muros o pasado sábado. A Asc. Soc. Cult. Auga e sal presentaba a nova adaptación do seu circuito cultural “Auga e sal” en lingua de signos e con material para cegos. Deste xeito, a partir de agora calquer persoa xorda pode facer os circuitos “auga e sal” interpretados en lingua de signos gracias aos novos folleto, materiais audiovisuais, interactivos… Así mesmo as persoas cegas contan cun folleto en braille con contidos e relevos de imaxes e a páxina web accesible.

Foi Alfonso Mera, o promotor do proxecto e presidente da “Asc. Soc. Cult. Auga e sal”, o que abriu o acto, facendo un percorrido polos primeiros pasos, o presente e o futuro do proxecto, incidindo na importancia da posta en valor do patrimonio e a súa difusión, para chegar a todas as persoas. Mera repasou como foron as rehabilitacións, o deseño de roteiros, a creación da imaxe corporativa,… para demostrar pontencial dunha das vilas mellor conservadas da costa galega. Todo, cun obxectivo social principal: a xeración de emprego.

Montse París, coordinadora e guía do proxecto, centrouse nas emocións, no espírito #Augaesal, nesa liña de concienciar sobre a importancia da conservación, intentando chegar a todo o mundo, sen barreiras.

Interviu tamén Iker Sertucha Lista, presidente de FAPXG (Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia), acompañado dunha intérprete, resaltando vehementemente o traballo da asoc. en prol da accesibilidade de todo tipo. Comparou o proxecto muradán con outros de ciudades e vilas máis grandes de Galicia, con máis medios e proxección, e mesmo con proxectos públicos, e que non fan o esforzo que fai “auga e sal”.

Laura Salvador, técnica de rehabilitación da fundación ONCE, resaltou a sensibilidade do proxecto, calificándoo de fermoso e agradecendo o traballo en favor da xente cega. Finalmente, Daniel Pérez Espasandín, lembrou o papel da igrexa neste proxecto.

Ao remate, o centro de interpretación acolleu unha proxección audiovisual en lingua de signos, previa ao ágape na Praza de San Pedro.

Como detalle, os organizadores ficaron sorprendidos da única presencia da actual alcaldesa, Inés Monteagudo, e dous edís de CxG, a pesar de estar invitada toda a corporación.

MÁIS INFORMACIÓN

 

NOVAS RELACIONADAS