Muxía Turismo Rural presenta na Deputación un plan de dinamización baseado en catro eixes

Reunion da Asociacion Muxia Turismo Rural con Xose Regueira na Deputación A entidade Muxía Turismo Rural vén de presentar á Deputación unha proposta que se basea en catro eixes fundamentais: o desenvolvemento do turismo histórico e monumental, o turismo arqueolóxico, o de carácter ornitolóxico, así como o desenvolvemento do turismo cultural e festivo. Entre as accións atópanse a implementación de páxina web corporativa, de cara a consolidar a marca Muxía Turismo Rural; participación en feiras, fam-trips e work-shops, presentacións, entre outras. Serán editados igualmente catro folletos divulgativos: Destino de turismo histórico e monumental, turismo arqueolóxico, turismo ornitolóxico, e destino cultural e festivo. En canto á participación en feiras, a patronal muxiana prevé asistir a Fitur, SITC (Barcelona), Expovacaciones (Bilbao), Turexpo (Silleda), Mundo Abreu, BTL (Lisboa), Naturiva (Madrid), FIO (Monfrague), e, nun futuro, á WTM de Londres e a ITB de Berlín. Contémplase igualmente a publicidade en medios de comunicación e revistas especializadas.

Senda das Estrelas

Por outra banda, Muxía Turismo Rural participou tamén nunha reunión nas instalacións do complexo Naturmaz, en Mazaricos, na que se acordou que a "Senda das Estrelas" se prolongue ata Muxía. Trátase dunha ruta circular que parte de Santiago, chegará ata Porto do Son e pasará, entre moitas outras localidades, por Fisterra e Muxía. Fonte Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com)