Un albergue como un libro aberto

Visita da Deputación ao albergue Bela Muxía

Como un libro aberto, con páxinas que se escriben nos distintos espazos do albergue Bela Muxía que se ofrece como “espazo identitario”. O deputado da área de Turismo, Xosé Regueira e o deputado da comarca, Manuel Muíño visitaron o centro e recibiron o libro de Antón Castro con deseño de Xosé Teiga, “O albergue como espazo identitario”. Un exemplo para outros moitos espazos da bisbarra.

Doce premios de deseño adornan o albergue Bela Muxía que hoxe visitaron os deputados Xosé Regueira e Manuel Muíño para recibir do seu propietario Pepe Formoso o libro Bela Muxía. O albergue como espazo identitario, de Antón Castro e deseño de Xosé Teiga creado arredor do centro turístico.

Poemas de Rosalía de Castro, de López Abente, de Valente, de Cesáreo Sánchez Iglesias ou Cesar Antonio Molina decoran os distintos espazos do hostal Bela Muxía, un centro hostaleiro que recibiu no pasado ano máis de 9.000 persoas. As instalacións, deseñadas por Covadonga e Creus, preséntanse como un libro con páxinas literarias mais tamén escritas arredor da cultura e a historia de Muxía, un espazo de integración turístico, cultural e etnográfico singular que está a ser recoñecido internacionalmente.

“Estamos nun espazo de calidade, unha maneira singular dun turismo de calidade, que ten en conta a nosa identidade e a nosa cultura e quere mostrala con orgullo”, destacou o deputado de Turismo, Xosé Regueira despois de aplaudir o que definiu como “proxecto espectacular e coral que ben merece os premios que lle foron concedidos”.

Fonte

  • Deputación.