A última novela de José de Cora desenvólvese na Casa do Demo de Anllóns

Jose de Cora na Casa de Galicia en Madrid presentando a súa última novela

O xornalista -director xeneral do diario O Progreso, de Lugo- e escritor José de Cora presentou onte na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a súa última novela, “Te llamaré Muerto. Valle-Inclán y Acevedo en la Casa del Demonio”. A novela, editada por Edhasa está dacabalo entre o histórico, o costumbrista e o esotérico, baseada en feitos reais e que transcorre na Galicia profunda de principios do século XX.

Concretamente a novela céntrase nunha casa de Anllóns, en Ponteceso, coñecica como Casa do Medo, onde a comezos do 1900 comezan a producirse fenómenos que escapan ás leis físicas. O caso non só chama a atención dos veciños, senón moi especialmente da Igrexa e de tres personaxes que por distintos motivos van coincidir alí para investigalos, curiosamente, os tres de Pontevedra.

”Na novela danse cita as principais dualidades do home. A carne e o espírito, Deus e o Diaño, a opulencia e a pobreza; a honra e o crime, o sacro e o profano, o sexo e a abstinencia, os vivos e os mortos... Na Galicia de sempre ocorren cousas que xamais sucederan”, expuxo De Cora.

O lucense José de Cora leva asinados unha gran variedade de libros desde 1976 como “Ideoloxías para un rei”, “Manual do perfecto político” ou “Guía de Lugo”. Como novelista é autor de “Secuestro e fonda de Cela en Contamina”, “A verdadeira historia do último inquisidor e o marabilloso Oráculo da Vida”, “Pecados manuais”, “La navaja inglesa” e “O estornudo da bolboreta”, que foi adquirida para ser levada ao cine.

Novas relacionadas