Artistas internacionais reúnense en Corme para un taller de cinema analóxico dunha semana

Corme será escenario dun taller dedicado ao cinema analóxico con presencia de artistas internacionais e que comeza este luns 7 de xullo. Cunha semana de duración —ata o domingo 13— o obradoiro é unha prolongación da proposta educativa do (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña que se despraza á Costa da Morte. Alí ofrecerá unha formación única co celuloide como protagonista.

A proposta forma parte do eSe8_LAB e conta co apoio do Agadic, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia Baixo o título Cine e fotografía sen cámara: do orgánico ao mecánico, o taller será impartido pola artista visual Deneb Martos, quen proporá dinámicas para ir máis aló da aprendizaxe técnica, facilitando o traballo colectivo, a escoita e mais a conexión co territorio.

De feito, a actividade conta coa colaboración da Confraría de Pescadores de Corme e da Asociación Ínsua de Viastela, ademais da complicidade do activista cultural Suso Lista.

Este taller repite experiencia trala boa acollida da súa primeira edición, no verán do 2024, na que os participantes destacaron, ademais do aspecto formativo, o atractivo da localización. Deneb Martos Alquimista, artista visual e creadora, Martos está especializada en fotografía e cine sen cámara, a través de técnicas tradicionais e sostibles. A súa obra ten estado en citas como FILMADRID, Festival KONTAKTE’17 (Berlín), Festival MUTA (Lima) ou Punto de Vista (Pamplona) ademais de no propio (S8) co que colabora dende hai anos. Martos fundou e foi responsable do LABO DE FOTO da Casa Encendida de Madrid durante unha década e actualmente coordina LAV, Laboratorio Audiovisual de Creación y Práctica Contemporánea. Colabora con institucións culturaies como a Fundación Cerezales FCAYC, o Guggenheim de Bilbao, Filmoteca Española e o Cine Estudio de Bellas Artes de Madrid