Clausurado en Ponteceso un obradoiro de acondicionamento de exteriores
07 de outubro de 2016 (08:09 h.)
Onte clausurouse en Ponteceso o obradoiro de acondicionamento de exteriores - organizado polo concello e subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña - co obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas en risco de exclusión social. Un total de 14 alumnos e alumnas participaron na acción formativa impartida dende o mes de xuño pola empresa de economía social Máis Porvir, participada ao 100 % pola asociación Íntegro.
No acto de clausura, celebrado na casa da Cultura de Ponteceso, participaron o alcalde, Lois García Carballido, e a concelleira de Servizos Sociais, Isabel Vuelta. Por parte de Máis Porvir asistiron o administrador e a xerente da empresa, Adolfo López Baña e Sandra Caamaño. A acción formativa incluíu módulos de carpintería e xardinería, busca activa de emprego e habilidades sociais. O alumnado recibiu os seus diplomas e rematou a participación no curso compartindo un aperitivo.
Dobre obxectivo
O obradoiro de acondicionamento de exteriores non só cumpriu o obxectivo de formar a un grupo de persoas para mellorar as súas posibilidades de inserción laboral en dúas áreas nas que hai demanda de persoal, como son a xardinería e o mantemento de mobiliario urbano, senón que ademais permitiu recuperar espazos verdes e restaurar elementos do mobiliario urbano pontecesán deteriorados polos efectos do vandalismo.
“Grazas a estas iniciativas e á colaboración dos concellos conseguiremos que se xere emprego, e polo tanto riqueza, na zona”, destacou o administrador de Máis Porvir. O alcalde de Ponteceso, pola súa banda, reiterou o seu compromiso de implicación para acadar o obxectivo da inserción laboral.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- +Porvir