Corme homenaxea o 250 aniversario da expedición da goleta Sonora ás costas de Alaska co cormelán Francisco Mourelle como piloto
05 de xullo de 2025 (08:19 h.)
A Asociación Cultural Ínsua de Viastela, en colaboración co Concello de Ponteceso e coa Deputación da Coruña, presentan unha ampla programación de actividades con motivo do 250 aniversario da expedición da fragata Sonora, na que participou o mariñeiro cormelán Francisco Antonio Mourelle. A efeméride será lembrada cun conxunto de eventos divulgativos e culturais que se desenvolverán entre o 11 de xullo e o 15 de agosto en distintas localizacións de Corme, con especial presenza no Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte (MACCMO).
A programación comezará o día 11 de xullo, ás 19:30 horas no MACCMO coa inauguración da exposición “Mourelle en Alaska”, que inclúe varias maquetas de barcos veleiros do século XVIII cedidos pola Asociación de Modelistas Navais de Galicia (AMONAGA). A seguinte actividade será o día 17 de xullo, tamén ás 19:30 horas no MACCMO, e consistirá nunha conferencia impartida por Suso Lista e María Suárez que leva por título “Expedición a Alaska”.
O programa continuará o 25 de xullo e repetirase o 15 de agosto, con sendos paseos históricos polo Corme de Mourelle. Ambas as dúas rutas sairán ás 11:30 horas da Fonte do Campo e permitirán afondar na figura do insigne mariño local e no contexto da súa época.
Xa en agosto, o día 7 entre as 11:00 e as 14:00, o MACCMO acollerá unha xornada de portas abertas titulada “Tótems da cultura tinglit e Mourelle”, que ofrecerá unha aproximación á cultura indíxena coa que o mariño galego entrou en contacto durante a súa expedición.
Finalmente, o 8 de agosto ás 19:30 horas na MACCMO, celebrarase unha nova sesión divulgativa. Nela, Adrián Brandariz impartirá a charla “Contexto histórico da expedición”, e Daniel Caramés abordará a “Xenealoxía de Mourelle”, achegando ao público as claves familiares e históricas no navegante.
Adicionalmente, hai outras dúas actividades que non teñen aínda unha data definida, pero que tamén forman parte da programación. A primeira delas é a visita da reconstrución do patache Juanita, embarcación do século XVIII creada pola Factoría Marítima Vasca Albaola, de Pasaia. A segunda é o pintado dun mural conmemorativo elaborado polo artista Primo Rodríguez.
A viaxe da Sonora e Francisco Mourelle
A expedición da que se conmemora o 250 aniversario tivo lugar no ano 1775, e tiña como obxectivo principal explorar e reclamar para a Coroa española as costas do noroeste de América, dende o actual México ata Alaska, nun momento no que a presenza rusa na zona aumentaba. A Sonora, tamén chamada “La Señora”, era un pequeno patache de apoio da expedición liderada por Bruno de Heceta. A bordo ía o cormelán Francisco Mourelle como piloto. A misión permitiu facer importantes achegas cartográficas e etnográficas, e foi a primeira vez que se estableceron contactos documentados entre españois e os pobos indíxenas tinglit de Alaska.