Ponteceso terá nova Praza do Recheo en dous meses

Obras na Praza do Recheo de Ponteceso-Foto-Oscar de Souto

Xa están en marcha as obras de remodelación completa da Praza do Recheo, a praza principal de Ponteceso, a praza que acolle todas as actividades importantes durante o ano como o cine, o Entroido…”Para nós é unha obra importante”, recoñece o concelleiro de obras José Manuel Pose Verdes. Unha obra que consiste principalmente na renovación do pavimentado, eliminando as dúas rúas das zonas pegadas ao río e aos edificios, converténdoa nunha plataforma única, pero que non impedirá que pasen os vehículos.

Unha plataforma única para unha praza diáfana para permitir a organización de eventos, realizada co formigón aprobado por Patrimonio.

Ademais, na zona da estrada xeral DP-4037, instalarase unha marquesiña para a parada de taxis e para a carga e descarga dos autobuses. Poñerase tamén nova iluminación e bancos novos de deseño.

A obra, realizada por Vázquez y Reino, durará entre 2 meses e 2 meses e medio, polo que esperan inaugurala en abril, e custa pouco menos de 200.000€.

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).