Arranxadas varias instalacións dos centros de ensino de Vimianzo

O Concello de Vimianzo rematou a pasada semana diversas obras nos centros de ensino do concello. Actuouse principalmente nas escolas unitarias de Castromil, Carnés, no Ceip San Vicenzo e no Ceip de Baíñas. Desenvolvéronse labores de mantemento e conservación como pintado de aulas, arranxos eléctricos, mellora das carpintarías, etc.

No caso da unitaria de Castromil, ademais das labores de pintado, mantemento e consservación, acondicionouse unha aula nova, debido ao aumento no número de alumnas e alumnos para o vindeiro curso.

Ao longo do venres pasado tamén se asinou o contrato de melloras para a escola unitaria de Carantoña. Modernizarase totalmente o edificio adaptando os espazos para que tanto o alumnado coma as familias poidan utilizalo e acceder nunhas condicións óptimas.
As obras e melloras desenvolvidas responden ás prioridades e peticións concretas que as directivas dos centros, os consellos escolares ou as nais e pais dos alumnos e alumnas lles formularon ao concello.

Novas axudas

A mellora das instalacións é fundamental pero o apoio ás familias non é menos importante. Neste senso estase a traballar para sacar nun breve prazo de tempo as convocatorias de axudas para incio do curso escolar destinadas ao alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil, de Educación Primaria e de ESO. Estas axudas serán compatibles coas que outorga a Xunta de Galicia para mercar libros e material escolar.

Con estas axudas poderánse adquirir libros de texto, material escolar, roupa e zapatos. Teñen como obxectivo paliar os efectos da crise, as diferenzas sociais e os riscos de exclusión social e favorecer a integración das nenas e nenos no sistema educativo.

Fonte

  • Concello de Vimianzo.