Os maiores de Vimianzo coñecen o patrimonio de Bergantiños

Maiores de Vimianzo no MELGA con Ricardo Verdes

Continúa Vimianzo facendo do patrimonio a súa natureza. Onte, en medio da deira, un grupo dunha vintena de persoas atendían ás historias que Manolo Rial contaba na visita guiada deste Verán Patrimonial. Pero o patrimonio non é só un produto turístco, senón que tamén, as actividades para os maiores se centran nel.

Neste caso, un grupo dunhas 60 de persoas maiores que anualmente participan nos talleres de envellecemento activo do concello de Vimianzo fixeron unha visita patrimonial pola comarca de Bergantiños. Primeiro visitaron o Museo Etnolúdico de Galicia (Ponteceso). A visita, guiada polo propio fundador, Ricardo Pérez y Verdes, que debullou unha chea de xogos e mesmo practicar algún deles dando lugar a moitos momentos de risas, lembranzas e anécdotas que fixeron que a mañá lles pasara tan rápida, como interesante e entretida.

Despois de gozar do xantar, a seguinte visita foi a Buño para coñecer o tradicional Forno do Forte. Alí por medio de grupos guiados, os maiores puideron coñecer todo o proceso de preparación do barro, o forno onde este se coce, ademais de gozar dunha da mostra ao vivo dun profesional creando pezas de alfarería.

A última hora da tarde, e trala visita ao forno do forte, os visitantes, que estiveron acompañados durante toda a xornada pola Concelleira de Benestar Social, María José Pose e polo monitor dos talleres, Alejandro Trillo, gozaron de tempo libre para visitar e coñecelo pobo e as marabillosas tendas de alfarería, ademais da curiosa lámpada de barro da igrexa parroquial.