Medio centenar de propietarios de terreos con patrimonio megalítico coñecen de preto as súas orixes

Fernando Carrera explicando a importancia do patrimonio a propietarios vimianceses

”A mellor maneira de conservar e respectar o patrimonio é coñecendo a súa orixe, o seu significado e a súa importancia”, recoñecía Fernando Carrera. Que fenomenal exemplo de como tratar o patrimonio deu Vimianzo este pasado sábado. Chamar aos propietarios dos terreos con patrimonio megalítico para unha charla informativa é algo que parece evidente pero que nunca se soe facer. Este pasado venres, máis de 40 familias achegáronse ata a Casa da Cultura para escoitar ao catedrático da Universidade de Vigo, Fernando Carrera.

Unha xuntanza que comezou polo máis básico, explicando o que é un dolmen, como se contruíron, para que se cre que se utilizaban, etc. E foi avanzando ata analizar as circunstancias que afectan aos propietarios, como a protección legal dos monumentos e dos usos que lles poden dar ás fincas.

O alcalde Manuel Antelo, expresou a vontade do Concello por facerse coa propiedade das fincas que teñan monumentos megalíticos, ben a través de compras, permutas ou cesións de uso. O Concello colaborará cos propietarios e propietarias para informalos acerca dos usos que lles poden dar aos terreos e na tramitación dos permisos que teñen que solicitarlle a Patrimonio para realizar cortas, plantacións, etc.

Neste sentido nos vindeiros días o alcalde trasdladaralle unha solicitude á Xunta de Galicia para que, cando os propietarios soliciten permisos para tala ou repoboación, a Xunta lles indique en que casos deben solicitar outros permisos.

Unha das partes máis importantes destas xuntanzas é a rolda de preguntas deses veciños que non escolleron ser propietaros dun tesouro patrimonial de escaso valor económico directo. E non escatimaron en lanzar as súas dúbidas sobre os usos e prohibicións nos seus terreos afectados.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com)