Patrocinadores e colaboradores xa poden solicitar as entradas para a Cea Medieval do Asalto ao Castelo-Foto-Roberto Rúa
As primeiras entradas para a VII edición da Cea Medieval que terá lugar o venres 1 de xullo - na véspera do día grande do Asalto ao Castelo de Vimianzo - xa están á venda. Así, os patrocinadores e colaboradores xa poden solicitar as súas entradas - máximo dúas por persoa - poñéndose en contacto con Diego Hermida a través do correo electrónico festa@asaltoaocastelo.org ou 660 755 517 - preferentemente vía Whatsapp -. No caso de que haxa xente que non estea identificada como axudante e desexe botar unha man á organización, pode anotarse a través de Diego Hermida.
A partir do 1 de xuño e até esgotar existencias poranse en venda as entradas que queden libres. O máximo número de entradas a sacar nesta fase será o de 4 por persoa. As entradas tan só se poderán obter a través do portal de venda online www.ataquilla.com.
Ao igual que o ano pasado o prezo das entradas será de 25€.Menú irmandiño
A Cea Medieval reúne a centos de persoas no foso do Castelo para comer pratos da época irmandiña e coller folgos antes de tomar a fortaleza. É sen dúbida un dos momentos máis agardados da celebración e no que moita xente lamentablemente ten que quedar fóra debido ao aforo limitado do recinto histórico.
Ademais da cea e do espectáculo durante a mesma, ao remate - á unha da madrugada -abriranse as portas do foso ao público en xeral para poder asistir aos espectáculos teatrais e musicais.
¡¡Lume Irmandiños!!