A problemática ca vivenda tamén chegou ao pleno de Vimianzo

Imaxe de arquivo dun pleno de decembro

O pleno ordinario deste mes de marzo do Concello de Vimianzo, debateu unha moción presentada polo BNG que propoñía a redución do tipo do IBI ao 0,3 % para propiedades que se poñan a disposición para alugar, a subvención de seguros de morosidade para 200 vivendas e a posta a disposición dun técnico que asesore á cidadanía na tramitación de subvencións.

Para o BNG, a aprobación deste plan “afectaría moi positivamente á economía e ao conxunto da veciñanza do concello, pois era unha aposta decidida por fixar e atraer nova poboación, ademais de loitar directamente contra o envellecemento”.

Con todo, o plan non foi aprobado cos votos en contra o grupo de socialista. O grupo no goberno explica que solicitaron informes a Intervención e Secretaría municipal que concluíron que “esta medida, en gran medida, non sería legal nin de competencia municipal”. Apuntan fontes municipais que “no relativo ao IBI, a normativa vixente establece que o mínimo permitido é do 0,4 %, polo que non é posible reducilo á cifra proposta de maneira legal. Ademais, estas bonificacións só poderían aplicarse en casos de aluguer con renda legalmente limitada, como en vivendas protexidas ou dentro de programas de aluguer social, un tipo de vivendas coas que non conta Vimianzo”.
O grupo socialista sinala tamén que “a subvención de seguros de morosidade, tampouco se atopa dentro das competencias municipais”, e criticou que “se faga política se vendan proxectos falsos, que carecen de asesoramento previo”.

Dende o BNG sinalan “non comprender como a alcaldesa, aínda recoñecendo as problemáticas da vivenda local expostas no plan, non aportou nin unha soa proposta para melloralo e dende o inicio do debate mostrou a súa confrontación á moción, criticando todas as propostas, ademais de escudarse en criterios técnicos”.

Outras peticións do BNG

O BNG tamén defendeu diversas iniciativas como a elaboración dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que consideran unha prioridade ineludible para garantir un urbanismo ordenado e eficiente. Así mesmo, o BNG propón a exención do imposto do lixo e da auga para os negocios afectados polas obras en diversas rúas, como Castelao, Antonio Vázquez Mouzo, Evaristo Martelo Paumán e Candil, co obxectivo de compensar as perdas económicas derivadas das intervencións municipais.

Outra das demandas trasladadas ao goberno local foi a mellora do Campo da Feira na Piroga, un espazo que a propia veciñanza acondiciona diariamente pero que require intervencións urxentes.

No ámbito do benestar animal, os nacionalistas alertaron sobre a proliferación de gatos urbanos e lembraron á alcaldesa a obriga municipal de desenvolver políticas de protección animal, en particular, a esterilización destes animais para un control efectivo da poboación felina.

Por último, o BNG cuestionou o goberno local sobre o estado da nova Relación de Postos de Traballo (RPT) da Administración municipal e subliñou a urxencia de negociar un novo convenio colectivo

 

Remanente de 2 millóns

Outro dos temas O Concello de Vimianzo presentou no a liquidación do orzamento do exercicio 2024, que se pechou cun remanente de 2.069.648,87 euros. As contas municipais reflicten un resultado orzamentario positivo, un volume de endebedamento de 0, un aforro neto favorable e o cumprimento da estabilidade da regra de gasto.

Durante a sesión aprobáronse tamén dúas ordenanzas. Por unha banda, a modificación da Ordenanza reguladora das axudas para situacións de emerxencias e inclusión social, que foi actualizada conforme aos criterios dos técnicos dos servizos municipais.

Por outra banda, deuse luz verde á Ordenanza Fiscal nº 26, reguladora da taxa pola prestación do servizo da escola infantil municipal. Con esta medida, a EIM contará coa súa propia ordenanza fiscal, deixando de estar regulada nunha norma común con outros servizos municipais. A modificación permitirá adaptar os prezos aos establecidos pola Xunta de Galicia, incluír o custe da merenda e axilizar os trámites administrativos, tomando en conta os datos fiscais do ano anterior.