Vimianzo inviste case un millón de euros en once obras de mellora

Entre as obras, figura a ampliación do paseo fluvial de Vimianzo até a A Ponterroda Mañá, ás 20 horas, celebrase en Vimianzo un pleno extraordinario convocado polo alcalde - Manuel Antelo - no que, entre outros asuntos, a corporación votará o plan de obras que o goberno municipal pretende desenvolver con cargo á achega económica da Deputación da Coruña denominada POS+. Serán un total de once actuacións en distintas parroquias do cun orzamento total de 931.894,91€. Actuacións En Pasarela mellorarase o saneamento na zona do Ribeiro e A Calabanda, e farase unha senda peonil e ensancharase a estrada que vai de Pasarela a A Calabanda. Na Piroga (Bamiro) está previsto construir unha rede de saneamento para recoller as fecais, quedando a rede actual unicamente destinada ás pluviais, facendo unha separación total destas augas e reducindo así a cantidade de auga bombeada á EDAR de Baio. Na parroquia de Tines construiranse beirarrúas na zona da igrexa e noutra zona próxima na mesma estrada, rematando así unha obra incompleta feita hai moitos anos. Esta actuación contribuirá, por unha banda, á mellora da seguridade vial nesa estrada e, por outra, ao adecentemanto dun lugar cunha elevada importancia monumental. En Berdoias instalarase un parque infantil ao carón da escola unitaria que funciona como centro social e cultural, a dúas alturas e cun tobogán aproveitando o desnivel do terreo. Con esta obra dotarase á parroquia  dunha infraestrutura da que carecía e recuperarase unha zona actualmente en deshuso. Na parroquia de Cambeda elaborarase unha senda que transcorrerá dende a estrada AC-552 até o río de Cambeda. Na beira do río construirase unha área recreativa e unha pasarela. Esta obra pretende mellorar a seguridade viaria nesta pista, utilizada habitualmete pola veciñanza para pasear e para desprazarse até a igrexa parroquial e o cemiterio, e adaptar unha masa común como área recreativa. En Treos acometerase a mellora e o ensanchamento da vía que transcorre entre Treos e Carneo, unha vía de especial importancia para o municipio debido á cantidade de tráfico que soporta, dando continuidade, deste xeito a unha actuación xa iniciada en tramos anteriores, dende Bamiro que articula a comunicación entre Olveira e A Piroga. Na parroquia de Castrelo construirase unha rede de saneamento que lle dará servizo ao lugar de Vilaseco, respondendo a unha demanda veciñal. En Baíñas acometerase a mellora integral do firme do núcleo de Santa Comba. Tanto o deseño como os materiais serán innovadores nunha actuación deste tipo, pretendendo marcar as liñas básicas a seguir en futuras intervencións relativas á pavimentación de núcleos. Na parroquia de Vimianzo desenvolveranse as obras da rúa Tedín no tramo que vai dende a fonte até o cruce de Trasouteiro, dando continuidade á intervención xa realizada no principio dunha das rúas máis antigas da vila. Tamén se acometerá a mellora do firme e a construción de sendas peonís na coñecida como Pista do Galo, o tramo de estrada que vai dende a rotonda de Vilar até o cruce coa estrada que vai á Toxa. Con esta intervención mellorarase a cirulación neste tramo e contribuírase á mellora da seguridade vial. Ademais, está previsto ampliar o paseo fluvial de Vimianzo, dende o seu remate actual até A Ponterroda. Para o alcalde estas obras son de vital importancia pois contribúen á recuperación, mellora e posta en valor dalgúns espazos que até o de agora estaban destinados a outros usos e responden ás demandas veciñais e aos compromisos contraídos nas pasadas eleccións locais. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Vimianzo