Vimianzo rendeu homenaxe aos seus maiores
Case 1.200 veciños e veciñas de Vimianzo de máis de 60 anos participaron este mediodía na XXI edición do ‘Xantar dos Nosos Maiores’.
Esta nova edición contou coa presenza da alcaldesa, Mónica Rodríguez, e dos demais membros da corporación municipal. Tamén acudiron autoridades como a subdelegada do Goberno en A Coruña, María Rivas; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; e a deputada de Política Social, Mar García Vidal.
A xornada deu comezo ás 12:00 horas coa apertura das portas do pavillón municipal, onde Pasarela Big Band foi a encargada de recibir coa súa música ás persoas asistentes. Ás 12:30 horas tivo lugar unha misa cantada, na que participou a recoñecida artista local Irma Macías e o coral O Son do Val de Vimianzo.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradeceu a participación de todos os asistentes, aos que definiu como “a base da nosa sociedade, os alicerces sobre os que construímos o que somos hoxe”. A rexedora concluíu agradecendo “o apoio incondicional da Deputación da Coruña” e “de todas as persoas que hoxe colaboraron para facer posible este evento, ao sacerdote, aos monaguillos, ao coro, a Irma e a Javi... por facer deste día unha xornada inesquecible”. Do mesmo xeito, agradeceu o esforzo e a dedicación absoluta de “todo o equipazo que compón o departamento de Servizos Sociais, e moi especialmente a Sandra Abeijón e a María José Pose, concelleira de Benestar Social”.
Pola súa parte, María Rivas destacou todas as achegas que os nosos maiores fixeron á nosa sociedade e salientou que toda homenaxe é pouca para todo o que merecen.
Por último, o presidente provincial destacou que “este xantar é un símbolo de recoñecemento, unha homenaxe, a todo unha xeración que se caracteriza polo esforzo incansable e que, agora, merece gozar de todo o logrado”.
Pola tarde continuaron as actividades coas actuacións musicais de Irma Macías e Javi Solla, que animaron a sesión desde as 17:00 horas. Logo fíxose entrega dun agasallo ao señor e á señora de maior idade do municipio, como recoñecemento simbólico e emotivo. Tampouco faltou o tradicional sorteo de agasallos.