No poder dende 2007, falamos co alcalde de Zas e, por terceira vez candidato á alcaldía de Zas polo BNG nestas eleccións municipais do 24 de maio 2015. Manuel Muíño quédase practicamente só á fronte dun concello onde apenas hai oposición, sendo Zas, de feito, un dos 10 concellos de toda Galicia onde o PSOE non conseguíu formar lista. Terá en fronte unha única lista, a do PP, para repartir, iso si, 2 concelleiros menos que en 2011, quedándose este 2015, por mor da mingua poboacional, en 11 concelleiros. Daquela o BNG sacaba 8 concelleiros, unha cifra que quere manter para conservar a estabilidade que proporciona a maioría absoluta.
QPC: Con que obxectivo afronta a súa lista estas eleccións do 24M?
Pois chegamos ca intención de gañar as eleccións, pois ao sermos só dúas forzas iso xa implicaría xa unha maioría absoluta, e así poder seguir cunha maioría ampla no goberno.
QPC: Cales son os puntos fortes do seu equipo?
É un equipo continuista, con algunha incoporación xoven. Polo que experiencia é un dos nosos puntos fortes, tras 8 anos de goberno. Pero ademais temos unha boa mezcla entre xuvenutde e experiencia. E claro, a preparación na xestión xa está máis que demostrada.
QPC: Cales cren que son as eivas máis grandes no seu concello?
Evidentemente, como todo o mundo rural, temos moitas, pero unha delas, na que nós fixemos un gran esforzo, en saneamento, e aínda nos queda moito. Nós temos en Zas 98 núcleos de poboación, e cando chegamos había saneamento só 4 ou 5. Agora levamos uns 18, pero son obras complexas e cara, e moi necesarias.
Se cadra, en materia estradas estamos moi ben, cunha rede de longas estraturas e ben conservadas.
QPC: Cal é o proxecto do que fai bandeira e a que partida orzamentaria adicará máis cartos?
Precisamente será a Augas, que é onde está o saneamento. Cada ano facemos un ou dous núcleos, e levan unha partida de máis de 100.000€ cada un.
QPC: Tres propostas concretas, e importantes, do seu programa.
Seguramente o proxecto estrella será levar a cabo a construción do tanatorio de Zas. Pero tamén investiremos en mantemento de estradas.
Outro dos puntos importantes será a área urbanizable en Baio ao carón do paseo fluvial, ata a estrada principal, onde vai estar a feira e a praza.
QPC: Como valora que Zas sexa un dos 10 concellos de Galicia onde o PSdG non conseguíu presentar candidatura?
Tiveron dificultades e ao final non foron capaces de facer unha lista. Non é fácil facer listas, porque a xente está desencantada da política. Neste sentido a non presentación do PSdG é negativa, porque canta máis pluralidade haiz, mellor.
Pode que inflúa a maioría nacionalista no Concello, e o clima político normalizado no Concello, que pode desanimar á xente á presentarse contra un goberno que goberna para todos.
QPC: E a labor do PP na oposición? E o novo candidato?
A oposición nestes anos do PP foi bastante responsable, e a de TEGA. A verdade que nos plenos de Zas temos un ton moi respectuoso.
O novo candidato non é moi coñecido, é novo na política, e espero que siga a senda, en canto a unha oposición construtiva que axude ao goberno.
QPC: Como potenciará a participación cidadá no Concello?
Estamos estudiando levar adiante unha política de “orzamentos participativos”. Ás veces é complicado levar adiante estas propostas pero queremos ver que orzamento lle tocaría a cada parroquia e que sexan os veciños os que decidan onde se invirte. O regulamento de participación está ben, pero ás veces é complicado facelo efectivo.