O patrimonio arqueolóxico de Brandomil será o protagonista da visita guiada que terá lugar o próximo sábado, día 29 de xullo, co fin de dar a coñecer e poñer en valor cultural e histórico desta parroquia do concello de Zas. A visita - organizada polo concello de Zas coa colaboración da asociación cultural Grandimirum - comeza ás 19 horas na Ponte de Brandomil e terá unha duración aproximada dunha hora e media durante a cal se visitarán, entre outros enclaves, a igrexa onde se produciron a maior parte dos achados ou algúns vestixios de época romana do camiño do Trapeso descubertos entre os anos 2007 e 2008.
Unha vez rematado o percorrido, os asistentes están convidados a un aperitivo para logo desfrutar da proxección do filme galego de drama e suspense "A praia dos afogados", dirixido por Gerardo Herrero, que comeza ás 22:30 horas na Ponte de
Brandomil.
Os interesados en participar na visita guiada debe anotarse previamente nos números de teléfono 981 751 398 - centro sociocultural de Zas - ou 981 718 056 - centro sociocultural de Baio. A visita é de balde e está dirixida ao público en xeral (os menores de idade deberán vir acompañados por un adulto). É recomendábel asistir con roupa e calzado cómodo.
Torres do Allo
Por outra banda, outro dos monumentos máis emblemáticos do municipio de Zas tampouco descansa. Así, esta semana as Torres do Allo volven a estar cargadas de actividades.
Todos os días - ás 13 e ás 17 horas- hai un servizo gratuito de visitas guiadas que permiten ao visitantes achegarse ao pazo dunha forma diferente. Descubrir que detrás das Torres do Allo, hai algo mais ca pedras, ca elementos arquitectónicos que foron testemuñas do xeito de vivir doutros séculos e doutras xentes. Os visitantes pasarán do simplemente material, ata apreciar a natureza que abraza o pazo, a historia que o acubilla e os homes que o habitaron.
Tamén o sábado - 29 de xullo - ás 12:30 horas volve oxogo de pistas “Os secretos Ocultos nas Torres”. Un divertido entretemento para os cativos, onde a través de pistas, os máis curiosos poderán atopar os secretos ocultos do pazo.
E xa o domingo ás 19:30 horas, os Quinquilláns devólvenlle a vida a Francisca Riobóo - a primeira muller propietaria das Torres do Allo, e ao seu marido, o naturalista Víctor López Seoane - coas visita teatralizada “Os Pazos da Terra”.
Por outra parte, continúa aberto o prazo de praticipación no I concurso de fotografía co móbil “Enfoques do Allo”,
que ofrece unha bolsa de premios de 100, 75 e 50 euros para as fotos máis fermosas e cuxas bases poden consultarse na páxina web oficial www.torresdoallo.gal.