Reflexións dende un consultorio de Atención Primaria (I)

Escribo isto dende Lousame, na calma do rural, co motivo inicial deste artigo palpitando: o “cheque regalo” para os sanitarios do presidente Feijóo.

E despois dunha última consulta desas de 50 pacientes citados. Tamén logo da conversa cunha compañeira co mesmo número na axenda nun centro de dúas médicas na que non substitúen a unha delas nas súas vacacións, de ler outro comentario máis dunha médica criticando a Atención Primaria, de falar cunha veciña profesora loitadora que perdeu a esperanza. E cos recordos daqueles primeiros días na facultade de Medicina, nos que sentía que cumpría cun desexo de nena, dedicarme a unha profesión de axuda e daquel agosto de residente de primeiro ano sentada ao carón do meu titor nunha consulta de médico de cabeceira. Unha mestura interesante. Pero do caos xurde a orde, din.

Lin a noticia da proposta do presidente Feijóo de destinar 5 millóns de euros a unha tarxeta turística regalo para que @s sanitari@s os gastemos en establecementos turísticos e axencias de viaxe e pareceume unha falta de respecto e un engano, tras anos xestando recortes, de material e de recursos humanos, que vivo en primeira persoa e que vexo os problemas e dramas que causan.

Xusto dous días despois, por exemplo, compañeir@s dun centro de saúde próximo pedíronnos enviarlles guantes dende o noso consultorio porque os que tiñan non lles chegaban. Levamos tempo vendo como @s usuari@s soportan listas de espera inhumanas, en axuda á dependencia, en xestión da soidade, en acceso a Especializada, ...; como tant@s e tant@s profesionais viven contratos precarios; como non dotan aos servizos, non substitúen a quen se vai de vacacións e @s que quedan traballan afogad@s, coa sensación de que a calidade baixa e o risco de erro, aumenta; e como deixan que xente formada aquí se vaia buscando un futuro laboral mellor pero dinnos que faltan sanitari@s. Para solucionar todo iso non hai 5 millóns de euros, parece.

Ante a falta decencia dos “de arriba”, cada vez estou máis convencida de que ou hai un cambio social no que empoderarnos e asociarnos ou este sistema non parará ata facernos máis autómatas do que xa conseguiu.

Pero vexo tamén que vivimos nun escenario no que á xente lle costa espertar. É tempo de medo e de división, empezo a sentilo, cando nun comezo desta época que toca vivir, alá en marzo, quixen crer que isto nos uniría e nos faría reflexionar sobre un cambio. Aos que din gobernarnos venlles ben que nos paralicemos por ese medo e o cansancio e que en lugar de unirnos, nos separemos aínda máis.

Eu sinto que este sistema sanitario leva anos enfermo: enfermo por eses recortes en recursos e enfermo de ideario de reforma (dentro dunha reforma global da sociedade na que [sobre]vivimos).

Temos un sistema sanitario que destina practicamente todos os esforzos a combatir a enfermidade máis que fomentar a saúde. Por exemplo, calmamos a dor de xeonllo pero non existe nin a formación nin o tempo para falar con Manuel sobre outros moitos aspectos que inflúan nesa gonalxia ademais da posible artrose incipiente, conversa tan ou máis importante ca o analséxico que prescribamos. Estamos atemorizados por microorganimos varios pero non tendemos tanto a observar como nos estamos coidando para fortalecer o noso sistema inmune. Nin unha soa asignatura na facultade na que teñamos a oportunidade de formarnos en nutrición, en xestión emocional, en problemática social,... practicamente igual que na residencia. Por non falar da educación dende a escola, na que esas asignaturas xa deberían estar no plan lectivo, así como a capacidade de pensar por unha mesma e resistirnos a que queiran formarnos e facernos seres iguais, manipulables.

@s usuari@s de tal sistema sanitario (nomeados como pacientes) que, evidentemente, maman ese tipo de Medicina, alexada da saúde, do autocoidado e do empoderamento, reclaman soporte e atención, a poder ser inmediata, e os recursos non dan para sostelo.

@s profesionais estamos sobrecargad@s, nalgúns casos, desmotivados e ben instruídos en culpar a pacientes e compañeiros da situación e non ampliar a mente pensando que existen moitos máis factores que poidan levar a esa persoa, por exemplo, a ir a urxencias porque sinta que é urxente aínda non cumprindo a definición ou a unha profesional a derivar a outro nivel asistencial, ao mellor sen estar moi indicado... Si, pode equivocarse e non ter sido tan grave para que acabe en Especializada ou en Urxencias pero... pode tamén que ante esas axendas non teña tempo de ter calma para ver a esa persoa ben? Pode que o medo se colara por algunha experiencia previa con outro paciente? Pode que ese paciente tamén transmita medo e unha se acabe deixando arrastrar por el? Pode que pensar máis ben nesas causas traia paz máis ca que ese compañeiro me estea intentando fastidiar a min? Pode que a compañeira do outro nivel asistencial o reciba como un ataque porque tamén está sobrecargada e non dá máis? Evidentemente tod@s tendemos quedarnos co pensamento malo e máis cando estamos cansos mental e fisicamente e en piloto automático, eu a primeira, pero logo de pasado o momento, sería xenial facer unha reflexión do vivido en positivo. Teño clarísimo que aos de “arriba” (xa non sei como chamalos...) lles interesa que haxa confrotanción e non unión; e consígueno, vaia.

Son reflexións complexas, si, dun tema no que hai que escarvar en moito barro acumulado pero non queda outra que reflexionar xunt@s, dende o respecto, se queremos cambiar algo. Se non, pois a seguir nadando no barro, quen queira. Pero @s que precisamos falar, incluso dende ese barro, algunha bandeira izaremos con verbas ben sentidas.

Grazas de novo a Ubaldo por este espazo no que dar difusión a proxectos e a ideas. E grazas á Costa da Morte por dárme a oportunidade de facerme adxunta en Medicina de Familia: Ponte do Porto, Camelle, Vimianzo, Cee, Baio... grazas.

  • Alicia Barreiro Cambeiro, médica na Costa da Morte.

Novas relacionadas