A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos

Coñecemos, gracias ás crónicas asturianas, como a penetración dos gobernantes anteriores a Alfonso II no leste de Galicia, non foi feita sen oposición cruenta e violenta por parte dos magnates da zona, que non dubidaron en presentar batalla ante a ameaza dun rei que pretendía mesturarse nos asuntos destes. Nembargantes, e diante do recoñecemento da súa incapacidade de autodefensa fronte ás razzias que o novo emirato cordobés comezaba a lanzar contra o norte cristián, os aristócratas locais aceptarían ó rei asturiano logo de ve-la súa efectividade contra os musulmáns na batalla de Naharón. Ademáis, o rei ofrecía a súa colaboración e liderado, comprometéndose a non tocar en nada o status que gozaban os grupos dominantes. Xustamente neste contexto, no ano 813, produciríase o achado do sepulcro apostólico. Décadas despois, cando morre Teodomiro, o bispo de Iria, colocará a súa sepultura ó carón do Apóstolo na primitiva igrexa, desexando gaña-Ia gloria dos ceos pola intercesión de tan poderoso protector. Por outra banda, no trono ovetense, un novo monarca tamén chamado Alfonso, guía con enerxía o seu pobo, tanto no exterior, fronte á ameaza musulmana, coma no interior. Este rei, Alfonso III, ó que co tempo se coñecerá como O Magno, envía a Iria a un funcionario da coroa, o Dominus Tructinus, coa misión expresa de consignar cáles eran as igrexas propias que pertencen á sé iriense. O resultado da súa xestión foi recollido nun precioso documento datado cara ó ano 866, conservado nunha copia do século XIV na catedral compostelá.
Gracias ó documento de Tructino, hoxe podemos contemplar cal era a influencia do centro de poder máis organizado do occidente galego: a diocese de Iria, a única instancia que despois da caída do reino visigodo mantivera unha certa continuidade cultural do reino godo. Así, na narración da entrada dos musulmáns na Península, cóntase a historia retocada con algunhas pinceladas de orixe apocalíptica, pero en resumo a situación aparece moi ben reflectida: bispos que fuxindo das súas sés no sur da Gallaecia, remataron por refuxiarse na de Iria, que por mor de se-la derradeira e máis apartada -estaba afastada das máis importantes vías fluviais de comunicación, que empregaron os musulmáns para chegar ata Lugo, apenas resultou inquietada polos invasores. Deste modo, Iria, foi o refuxio de parte do que quedaba do mundo visigodo na persoa dos bispos, herdeiros daqueles que en tempos mellores estiveran sentados en Toledo presididos por un rei que gobernara toda a Península. Se no conxunto da diocese iriense acontecía isto, o documento de Tructino amósanos o que acontecía cara máis ó occidente, cara ás costas da Fisterra. A influencia da sé semella, como mínimo, moi difusa e limitada: o bispado de Iria parece contar con escasa capacidade para sobrepasa- los límites espaciais marcados pola lei da distancia para se facer notar como entidade aglutinadora e organizadora do territorio. Fóra das zonas máis achegadas á capital da diocese, a igrexa de Santa Baia de Iria posúe contadas igrexas propias, que é a única constatación que temos do seu control e dominio territorial nestas datas. É máis: segundo nos achegamos precisamente ó noso territorio atopamos que as igrexas posuídas non superan o par. Dun lado, témo-Ia referencia in Seminaria, Sanctum Saturninum de Vimianço, e logo, xustamente a continuación, un nome que nós é moi familiar: In Nemancos, Sancta Eulalia in Donobria. En Nemancos, Santa Vaia de Dumbría.
Con nome de Nemancos, coñeceremos durante toda a idade media, e ata os nosos días, o territorio no que co tempo xurdirán as vilas de Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía. Un nome, dende logo, de claros antecedentes prerromanos, o mesmo có doutras moitas bisbarras galegas -Iémbrese, sinxelamente, os nomes de Trasancos ou Aveancos, tamén no que hoxe é a provincia da Coruña. Non podemos ter ningunha noticia máis clara ou máis específica da que Tructino quixo legarnos. Podemos botar en falla palabras e datos, pero a senlleira referencia recollida polo enviado do rei Alfonso III semella resultar explícita abondo: se a instancia de poder máis consolidada da zona, o bispo de Iria, tiña tan pouco control enriba das terras máis occidentais da súa diocese, pouco debía de se-lo control exercido dende a máis que afastada Asturias polo monarca. Sen dúbida, Alfonso III era consciente das dificultades que tiña integra-lo occidente galego, cando decidiu potenciar de xeito claro e manifesto a influencia do bispo de Iria, como embaixador seu neste lugar, vinculando esta sé e a futura Compostela de xeito definitivo ós intereses da monarquía: o obispo Sisnando, escollido por el e chegado dende a afastada Liébana, vaise converter nun colaborador asiduo e eficaz , potenciando o significado apostólico do fenómeno compostelán, recompensado polo rei con doazóns xenerosas que van subliña-Ia súa nova función, o mesmo cá construcción dunha nova basílica que substitúa a vella igrexa construída por Alfonso II. O mesmo feito de enviar a Tructino, non é máis que un selo da cadea destinada a construí- lo novo papel de Sisnando.
Volvendo ó topónimo Nemancos, recollido por Tructino á hora de situar Dumbría, deberiamos clarificar a qué vai referido. De xeito evidente, trátase dunha circunscrición territorial na que se atopa inscrita a igrexa de Santa Vaia; como tal aparece o topónimo nun documento do 915, polo que o rei Ordoño II Ile devolve ó bispo de Iria certas decaneas destinadas a sustentar e manter a algúns bispos do sur de Gallaecia, que ante a invasión musulmana, buscaran refuxio nesta diocese. Concretamente, Nemancos é unha das Decaneas destinadas ó bispo de Lamego. Así pois, debemos supor que, no eclesiástico, Nemancos, tiña á altura de comezos do século X, un lugar na organización da diocese. A dúbida aparece cando intentamos traspo-Io eclesiástico ó plano civil da monarquía. Entre as decaneas do 915, atopamos Plutios, Faro e Célticos, que no documento de Tructino reciben a denominación de commissos; outras das mesmas circunscricións eclesiásticas reciben a mesma denominación en documentación diversa, de maneira que non resulta tolo supor que Nemancos, decanea para a Igrexa, funcionase como commissum no civil. Efectivamente, os commissos foron as circunscricións administrativas nas que a monarquía asturleonesa organizou Galicia, colocando ó fronte de cada un ó comes que exercía o poder no nome do rei. En xeral, os títulos condais foron acaparados por un puñado de familias achegadas ó rei que se repartían os cargos como premio á súa fidelidade, co que isto significaba de inestabilidade, pois unha rebelión exitosa podía significar -como en ocasións aconteceu- o relevo total das familias condais. Agora ben, é curioso comprobar que de ningunha destas grandes familias –ben sexa da dos  chamados condes de Présaras, ben da de Osorio Gutiérrez, ou ben da de San Rosendo-, temos constancia que tivesen nas súas mans o goberno do commissum de Nemancos. A única proba da relación entre unha familia condal e este é o documento dotacional de San Salvador de Celanova, do 942, polo que San Rosendo, entre outros moitos bens, cede ó seu acabado de fundar mosteiro in Nemancos, ínsula Tauriniana, facendo referencia a Touriñán, probablemente ó que hoxe é a península do cabo. Así, témo- Ia impresión de que as grandes familias non sentiron unha especial preferencia cara a este extremo occidental. Sería preciso coñecer cál era a realidade da zona para saber se esta división organizativa era efectiva ou se os propósitos organizativos da monarquía estaban destinados a se estrelar contra o desinterese da aristocracia por participar no goberno dun ámbito territorial escasamente atractivo.
Avanzada a Alta Idade Media, as terras da Costa da Morte acollen na súa totalidade ou en parte, cinco entidades ben demarcadas: a terra e condado de Carnota, o territorio dos célticos, o territorio de Nemancos, o condado e territorio de Soneira e o territorio de Bergantiños. As correspondencias eclesiásticas destes territorios para mediados do século IX serían respectivamente Gentines, Célticos, Nemancos, Somnaria, Salagia e Brecantinos. Os dous últimos formaban parte do territorio do actual Bergantiños, pero só o de Salagia quedaría encadrado dentro do que hoxe podemos considerar terras da Costa da Morte. O certo é que a carencia de documentación ata finais do século XI, fóra da conservada nos centros de poder foráneos non nos permiten en absoluto facernos unha idea do que no interior da nosa zona pasaba. (Hai, no 1046, un documento elaborado no noso ámbito territorial, cara á fronteira norte entre Nemancos e Soneira pero hai dúbidas da súa autenticidade. Trátase dunha doazón a prol do mosteiro de Santa Mariña de Tosto, na parroquia de Santa María de Xaviña).

Novas relacionadas

As parroquias do concello de Cee: notas sobre a a súa poboación

Que pasou na Costa na época moderna

A Asistencia hospitalaria na Galicia do século XVI

Que pasou na Costa

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).