As cartas do Avó Pascasio: O Centro Galego da Habana

Moi querida neta Cristina:

O primeiro é desexarche unha boa recuperación xa que unha fractura de nocello ten sempre as súas complicacións. Creo que os aires patagónicos ---bastante máis secos que os porteños--- axudaranche na rehabilitación. Ben, paso rapidamente ao motivo da carta que como podes supoñer ten referencia directa coa miña experiencia de emigrante na República Arxentina.

Lembras que che rompín a cabeza co pedido dun salvavidas para que non desaparecese o Centro Galego de Bos Aires. Vós cumpriches como unha campiona, en tempo e forma. O que che presento agora é un problema que temos en Cuba. Non te asustés! Creo que aínda conservo algunhas neuronas e vasme a permitir, polo sangue que nos une, seguir con rogos e reclamacións. Trátase de conseguir mediante un acto administrativo que o goberno cubano devolva o Centro Galego da Habana.

A pregunta que che estarás facendo é que papel xogas nun asunto interno cubano no que, en principio, a presidenta arxentina “nin pincha, nin curta”. Enseguida aclárocho. O pai de Fidel Castro Ruz, don Ángel, naceu en Láncara que está a unha hora de camiño da miña aldea fonsagradina de Manzaneda. Entendes o que che quero dicir? Vós sós a miña neta, así que tes todo o dereito do mundo en reclamar en nome dos nosos loitadores e xenerosos paisanos que están enterrados na “Perla do Caribe”.

Acá arriba levamos máis de medio século esperando que se faga xustiza. Nunca aceptamos que se puidese incautar ou expropiar a suor de miles de esforzados albañís que construíron un magnífico edificio onde os galegos mantiñan vivas as súas tradicións á vez que curaban as súas doenzas. É na capital cubana onde se constrúe un gran palacio que é unha xoia da arquitectura mundial. O primeiro gol dos galegos ten lugar na Habana; o segundo, en Bos Aires e o terceiro, en Montevideo.

Neste ano comezan a abrirse portas. O achegamento de Cuba a Estados Unidos non ten volta atrás. Queremos que dentro do proceso aperturista, inclúase á brevedade posible o tema da devolución do Centro Galego aos seus lexítimos propietarios. Confiamos en que poidas charlar con Fidel que aínda retirado segue tendo o seu ámbito de influencia. Autorízoche a que lle contes que me reúno, unha vez á semana, co seu pai. Recordamos con alegría aqueles longos invernos na montaña lucense. A nosa mellor compañía eran unhas nutritivas castañas.

Despídome. Espero que o verán faga reflexionar aos coimeros do “Clan do Clarinete” para que se deixen de promover o seu amplo repertorio de fantasías de mediopelo que non axudan ao país. Recibide un abrazo do avó que nunca esquece aos seus anfitrións na beira rioplatense.

- Pascasio Fernández Gómez.

  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.gal).

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).