As vergonzas da “niña bonita”

Este domingo a Voz de Galicia espertounos co titular ”Dumbría: La niña bonita de la Costa da Morte”, un artigo describindo a suposta milagre de Dumbría, un un "municipio rural máis" que en 15 anos se convertíu en algo así coma a Allariz da Costa da Morte. Disque. Non imos ser nós os que discutamos os atractivos turísticos e a espectacular transformación que viviu Dumbría, pero "niña bonita" de que, ou sobre todo, de quen? Hai unha cousa que na Costa da Morte case todos sabemos pero que non se conta nos panfletos turísticos, que se agocha detrás da propaganda e do asfalto. A fervenza do Ézaro pertence a partes iguais a dous concellos (Carnota e Dumbría) e constitúe un emblema do sur da Costa da Morte, un dos grandes motores de atracción de visitantes. Dumbría percibe desde hai décadas ducias de millóns de euros a fondo perdido procedentes do sacrificio do seu principal atractivo, a Fervenza, en mans do ex-ministro franquista Villar Mir que cada ano gaña con ela moitos millóns de euros. A cambio disto, Villar Mir ten carta blanca para facer o que lle de a santa gaña no cañón do Xallas, na cascada e na devesa de Anllares, onde se están construindo agora mesmo 3 novas minicentrais, entre outras actuacións completamente desastrosas para o río e o entorno que ían supoñer -segundo a Xunta- a creación de 700 postos de traballo, que se quedaron nuns 20. O Xallas, un dos ríos máis explotados de Galicia, volve a ser expoliado para o beneficio da mesma empresa. Velaquí a pregunta do millón: os beneficios multimillonarios que produce a Central Hidroeléctrica non deberían destinarse a desenvolver social e economicamente toda a comarca, ou polo menos repartirse entre os concellos afectados polos encoros, e non gastarse exclusivamente no embelecemento turístico dun só concello, que ao final só repercute en 15 días anuais de turismo estacionario nun lugar? Os cartos non deberían destinarse a atraer novas empresas e actividades para impulsar que a xente poida vivir e traballar aquí e non despilfarrarse en empedrados fastuosos de núcleos rurais ou farolas futuristas que alumean localidades case despoboadas, xa que todo iso non serviu para aumentar traballo nin poboación? Non debería dispoñer a Costa da Morte de enerxía barata, xa que produce moito máis da que consume, para potenciar o establecemento de novas industrias que requiren de moita enerxía? Quen está primeiro, o turista que veranea no Ézaro dúas semanas ao ano ou o futuro dos nosos fillos? No Foro Social Costa Da Morte sabemos que o tema é delicado, pero non nacemos para estar calados.

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).