Cálculo Mezquino

O 23 de marzo do 1933 o parlamento Alemán se reuniu por ultima vez ata a fin da II Guerra Mundial. Só se discutía unha cuestión. Nunha atmosfera de crecente intimidación os parlamentarios tiveron que ingresar cruzando un pasillo de elementos paramilitares nazis que gritaban; "Os poderes totais... ou lume e morte". Decidíase si outorgar a Hitler total autonomía por enriba do parlamento e da lei para facer e desfacer.

Tódolos partidos calaron coma petos, uns por colaboración co partido nazi, outros por medo e algúns por puros “ideais políticos” contrarios ao partido democrático da época, o socialdemócrata de Otto Wells. De feito, só estes se opuxeron directamen a Hitler. Otto Wells, presidente dos socialdemócratas, afirmaba:

“Nós os socialdemócratas comprometémonos nesta hora histórica cos principios de humanidade e xustiza, de liberdade e socialismo. Ningunha acta habilitante o habilita a vostede a destruír ideas que son eternas e indestrutibles". Engadiu, mirando directamente ao futuro ditador, "vostedes poden quitarnos a liberdade e a vida, pero non poden privarnos da nosa honra. Estamos indefensos, pero non desgraciados".

Hitler enfureceuse e respostou gritando: “Vostedes xa non son necesarios, a estrela de Alemaña alzarase e a súa afundirase. A hora da súa morte soou”.

Esa foi a última sesión dun Reichtag con oposición. Pouco despois, o partido social demócrata foi prohibido e o resto (aparte dos nazis) disolvéronse. Von Papen, artífice e marioneta de Hitler que “permitiu” o ascenso do ditador tivo que contentarse co posto de vicecanceler, dende o que agardaba poder “manipular” a Hitler, cousa que, evidentemente, nunca logrou.

Hai este sábado unha cita especialmente fundamental na historia próxima da democracia municipal. Unha cita que, coma soe ser habitual, carece de importancia e relevancia algunha a vista do presente, da candente actualidade, e que non merece trascendencia para ninguén salvo, probablemente, para xente coma min que, por razóns que non alcanzo a comprender, atinamos en predicir o xeito no que a política se moverá nun futuro cercano de modo habitual. Repito, non sei por que é así, pero así é.

Esta cita implica que sete persoas sexan incapaces de poñerse de acordo para impedir que un condutor multado por alcol e o alcalde máis imputado de España acaben por gobernar un concello. Uns e outros tratan de ofrecer xustificacións e explicacións peregrinas sobre ideais, posturas ideolóxicas e supostos programas de acción e posicionamentos eletorais que, a min polo menos, me importan un cogombro. En esencia, os sete poden impedir que o goberno acabe en mans de delincuentes e presuntos delincuentes. E, a día de hoxe, afirman que non, que o van permitir.

Cabe aquí a xustificación de Von Papen “agardaba que unha vez que Hitler chegara ao poder a súa nefasta política acabara por facelo desaparecer”. Cabe a xustificación dos 38 millóns de alemáns que apoiaron o asasino exterminador de xudeus “necesitábamos emprego, pan e futuro e el nolo prometeu… aínda que despois so nos trouxo lume e morte (extraído dun coñecido libro sobre o holocausto escrito por un autor alemán)”.

Caben, seguro que si, moitas xustificacións. Seguro que estou equivocado cando digo que hai máis de 2000 persoas en Cee que non van entender baixo ningún concepto o que vai suceder este próximo sábado. Me equivoco ao comparar o que é para min manifesto ascenso dun xeito mafioso, antidemócrata e demoledor de facer política co que os Nazis practicaron na Alemaña dos anos 30. Seguro que si, estou equivocado. Asumo que vivo instalado nun erro onde non caben nin a política de regate corto nin o cálculo mezquino. Pero, parafraseando a Otto Wells “Estamos indefensos, pero non desgraciados”.

Eu sei que é o que máis me importa. Lamento que outros non podan dicir o mesmo. Lástima.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Máis información e contacto

Novas relacionadas

Verdades anteriores