Cando a memoria se convirte nun lastre para a clase política

Cunha diferenza de apenas dous meses, Galicia rememorou parte da herdanza máis amarga da historia recente española por medio das declaracións de dous alcaldes que, ao remate destas liñas, aínda exercen as súas funcións como rexedores, no que supón un novo episodio de desprestixiamento a unha democracia que, a miúdo, quedou simplemente baixo o paraugas e o bo sabor de boca que desprende a verba en sí mesma. Quizais sexa o momento de preguntarse se acudir ás urnas soluciona un problema que leva longo tempo incrustado na cortiza cerebral dunha sociedade que convive con contradicións latentes orixinadas nunha Transición que aliviou a moitos pero que foi firmada coa máxima “pan para hoxe, fame para mañá”. Tanto o alcalde de Baralla, Manuel González Capón, como Senén Pousa -que ocupa o mesmo posto no concello de Beade-, forman parte do lado rancio dunha política actual que se forza a sí mesma a non rendir contas de declaracións e desfalcos ante uns cidadáns que cada mañá dan unha dose extra de paciencia que o día anterior parecía ter límite. Así é a España de hoxe, unha carreira onde sempre gaña aquel con menos principios éticos e onde a memoria queda soterrada e pisoteada día sí, día tamén. Fai agora tres anos, no contexto dunha investigación centrada no análise da represión franquista na comarca de Bergantiños, unha serie de interesados na temática tivemos a oportunidade de conversar con xente da bisbarra que viviu de preto aqueles anos de rifle e bandeira. Non quedaba ningún dos que foran chamados a filas, pero si familiares directos que compartiron a desgraza. A Guerra Civil tocou a todos, sen excepción. O que comezou sendo o fracaso dun golpe militar pasou a ser o pesadelo da poboación civil, que directa ou indirectamente viuse forzada a participar no proceso. Isto quedou patente durante unha entrevista realizada a un veciño de Corme que, a día de hoxe, lembra con tristeza a incertidume inicial cando as primeiras novas do alzamento na cidade da Coruña chegaban ás localidades da provincia. Camións integrados por milicianos ó principio, e embarcarcións comandadas por militares despois. Todos chegaban ós portos da Costa da Morte na procura de xente, ben para integrar as filas de combatentes e tamén para facer prisioneiros. Ninguén puido escapar da realidade dun conflito que levou tras de sí o desmembramento de familias que, ata entón, tiñan como principal preocupación levar pan á mesa á hora de comer. Mentres as palabras de ‘Españoles, la guerra ha terminado’ se escoitaban no ano 1939, en moitas das poboacións da provincia da Coruña xa se pronunciaran tres anos antes. Cando os bandos participantes na Guerra aínda se estaban definindo, a represión xa comezara a chamar ás portas dos cidadáns. É por iso que non debemos entender a Guerra Civil como un proceso uniforme e sistemático, xa que o certo é que en diversas partes do país nunca chegou a haber unha guerra no sentido estrito da palabra. No caso de Corme, ao iniciarse a contenda, moitos dos veciños fuxiron ós montes do Roncudo e ós altos de Candelajo debido ó medo e a incomprensión respecto ó acontecido durante aqueles días de mediados do mes de xullo de 1936. Tamén moitos deles eran integrantes do sindicato dos mariñeiros, polo que o seu temor era razoable. Posteriormente, moitos dos fuxidos tardarían en volver a recuperar o seu traballo, precisamente por ser sospeitosos de apoiar a causa republicana. Non foron os únicos, xa que os mestres republicanos da vila foron inhabilitados temporalmente pola administración franquista, como foi o caso dos irmáns Manuel e Aurelio Cruz Centeno. Por iso e por máis cousas doen as declaracións de González Capón e Sousa. Porque a día de hoxe faise evidente que a condena do franquismo, pese a ser un tema recurrente, é constantemente bordeado por autoridades e clase política. A mesma clase política que integrou de bo grado a parte dos membros da antigua ditadura. A comarca de Bergantiños foi un punto clave para comprender como o bando sublevado logrou expandir a súa presenza desde a capital provincial ata o resto do territorio coruñés. Poboacións como Malpica ou Carballo, onde as filiacións políticas tiñan distinto grao de influenza, foron sometidas con celeridade pese a pequenos conatos de resistencia, como o do alcalde de Carballo José Monteagudo. Aínda así, e pese a que profundizar no acontecido na rexión é moito máis complexo, convén facer exercicio de memoria e recordarlle a aqueles que se escudan na liberdade de opinión para expoñer a idea de que “quen foron condenados a morte” durante o réxime de Franco “seguramente o merecían” posiblemente non teñan máis coñecementos da realidade daquel tempo que desde os libros publicados por Pío Moa. Pode que o primeiro paso para que a sociedade española resolva os seus problemas de identidade sexa, precisamente, recoñecer que hai un problema. Pode que o primeiro paso sexa asumir o pasado desde a condena firme e pública, e non desde a pasividade, porque se algo está claro na Galicia e, sobre todo, na España de hoxe, é que a antiga orde establecida nunca se foi.

Outros artigos de Pablo Varela

Outros artigos relacionados

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).