Cando os maiores se volven calados...

Os maiores sempre falan, moito, moitísimo, e contan historias, batallas gañadas, situacións vividas, anécdotas curiosas, que nos, os máis novos, escoitamos con unha mal disimulada educación. Nós, os netos, os novos da casa nunca temos tempo para eles. A eles sempre lles sobran horas, e anos sempre nos faltan… Existe incompatibilidade de axenda, ir ver aos avós, supón pasar unhas horas na súa compaña, facelos rir, e mesmo enfadar… pero moi poucas veces iso inclúe escoitar. E danse conta, e baixan a mirada, entendendo que a nós, os seus descendentes, pouco nos importa quen foron? Que fixeron? Ou que deberían ter feito?. Cando eles calan, cando baixan a mirada triste, reaccionamos, e dámonos conta que realmente perdemos o norte, ou máis ben, a historia propia. Refuxiámonos no inmediato do día a día, que nos  permite dedicarlle longos períodos diarios ás redes sociais, pero non nos deixa sentarnos a falar con eles, os que nos fixeron chegar ata aquí, os que diariamente senten como o seu esforzo tivo moi mala aplicación. Galicia en xeral, e a Costa da Morte en particular, sempre gardou unha especial relación cos nosos maiores. A estrutura social e familiar sempre se pensou para que distintas xeracións convivisen baixo un mesmo teito, e que os novos soubesen coidar dos que xa non o eran tanto… Hoxe este feito cambiou… Estamos nun proceso de transformación que se pode plasmar co que, ata fai pouco, nos escandalizaría: a Residencia da 3ª Idade, que recentemente abriu as súas portas en Vimianzo. Cantos dos nosos maiores non se entristecen ao pensar, que algún día poden acabar no que culturalmente consideraron un sacrilexio e un atentado aos valores familiares? Algúns de eles aínda se resignarán, e voluntariamente decidirán marchar para evitar converterse no que tan mal cualificamos de “estorbo” para os fillos. A residencia é necesaria, coas prestacións de Centro de Día, e tódolos seus servizos, pero non pola súa existencia debemos perder as nosas referencias. Son eles os que sobreviviron a unha guerra, os que fixeron produtiva unha terra que hoxe desbotamos... son eles os que teñen fazañas heroicas, e os que ven, dende a resignación das súas costas, como pasamos por eles sen sequera dar as grazas. Hoxe, quero agradecerlles que existan, e que falen! que falen moito! que reivindiquen que, cun xantar anual, non se alimenta un espírito conforme… que falen cos veciños, cos netos e cos fillos…. Porque o día que eles calen… realmente non saberemos de onde vimos…
  • Susana Alvite (susanaalvite[arroba]quepasanacosta.gal).

Soliloquios anteriores

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasancosta.com).