Forza creativa e resistencia na Costa da Morte
Onte, 7 de decembro, inaugurouse en Muxía a mostra Miradas, que reúne a 16 artistas de Muxía - ou afincados en Muxía- e 11 artistas de Carballo; tres deles presentan unha instalación en común, polo que podemos ver un total de 25 obras de pintura, escultura e collage.
Alexandro, Chérie Trillo, Antonio Reino, Coque Toba, Detlef Kappeler, Antonio Tarracido, Fátima Fortea, Javier Toba, Cristina Santiago, Jose Garrido, Lorena Lappe, Santo Cereixo, Emi de Las Heras, Susana Llorente, Lola Oviedo, Tachibana, Teresa Búa, Milagros Cotelo, Mon Lendoiro, Xavier de Lus, O´Mighelo, Sar, o grupo Tres coma Un, Zizi, e eu mesma.
A inauguración foi un éxito de público; Muxía converteuse nunha vila alegre nunha noite fría de inverno.
A mostra, ademais de ser un encontro de artistas de moi diferentes estilos e traxectorias, é unha demostración de forza creativa nunha zona secularmente deprimida como é a Costa da Morte, pero que é un caixón de gratas sorpresas para quen queira achegarse a ela cos ollos e os sentidos todos ben abertos.
A forza da paisaxe, a omnipresencia do mar e a luz única da nosa costa fan dela un lugar perfecto para a creación artística. E a forma en que as persoas que viven aquí se enfrontan á vida complementa este territorio tan atractivo para o traballo artístico. É imposible ser artista e que a forza da Costa da Morte non che enganche. Imposible vivir aquí e non pintar ou crear, se é que naciches artista.
A cultura pode cambiar a vida das persoas. Quizais por iso é algo que non interesa demasiado ao poder político que nos tocou “sufrir”.
Estra mostra que vimos de inaugurar chámase Miradas, pero ben podería chamarse Resistencia, pois, nos tempos que corren, facer arte, facer cultura, é un acto de resistencia e de rebeldía.
O acto de inauguración de onte tamén foi un acto de rebeldía, de insubmisión ante uns tempos nos que o que toca é a tristeza e a resignación, ou a desesperanza. Uns tempos nos que se pretende facer pasar á cultura por algo superfluo.
Pero, como pode ser superfluo aquilo que nos define, aquilo que nos nutre, nos dota de identidade e nos fai recoñecernos?
Fronte á resignación, rebeldía. Porque é un acto de rebeldía non resignarse a aparcar os pinceis nun tempo de crise no que o que urxen son outras cousas.
Fronte á escuridade, estoupido de cores…
Fronte ao silencio, o discurso feito formas e cores e texturas…
Fronte á marxinación da cultura, explosión de creación…
Fronte á uniformidade, diversidade de miradas…
Fronte á imposición, desobediencia…
Fronte á forza imposta, a forza da liberdade creativa…
Fronte á realidade adusta, a fermosura dos trazos e as formas…
Fronte aos recortes salvaxes, excesos de creatividade…
Fronte a insolidariedade e á prepotencia, a unión dun pobo.
Onte fomos un. E fomos un compartindo, gozando, rindo…nada máis revolucionario que a risa franca e a felicidade cando nos queren facer un pobo triste e sumido na noite máis escura.
Pero sen esquecer nunca o sufrimento de tantos, e a desesperación de outros moitos. Falamos de felicidade que nada ten que ver coa frivolidade, nin coa insolidariedade, senón coa sensibilidade e coa satisfacción de compartir cos demais a nosa cultura, a nosa vida.
A cultura ten una forza enorme para facer cohesións, socializar e facer forte una comunidade. Creo que deben sabelo ben aqueles que non queren a cohesión social (divide e vencerás) e polo tanto ignoran totalmente a cultura , xa que para eles é mellor que non exista.
O artista é artista tamén na medida na que contribúe á comunidade, isto entendérono ben os artistas que participan xenerosamente na mostra. Eu quero dar as grazas aos compañeiros que participan en Miradas e ás persoas que compartiron con nós a inauguración: Antón Castro, Rosalía Fernández Rial, Mon Búa, e ás persoas todas que estiveron no acto.
A conciencia de tanta dor que estamos vivindo fai que os momentos bos o sexan aínda máis. E hai que gozalos. É unha obriga para con nós mesmos e coa nosa xente.
Negámonos a aparcar a arte e a cultura. A cultura dun pobo non se anula tan doadamente. Non imos renunciar a nós.
Vida, cores, e resistencia, resistencia, resistencia…
- Viki Rivadulla (vikirivadulla@quepasanacosta.gal).
Máis información
Outros artigos de Viki Rivadulla
- Novembro.
- Dos retratos de Antonio Nodar aos autorretratos dos nosos gobernantes.
- Por que un Curso de galego aplicado ás Novas Tecnoloxías?.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).