Hoxe: A Gran Depresión (Fisterra, 1929)

Fisterra no vintenove caeu na gran depresión, pois casou en ese ano Carolina con Ramón. Carolina, Carolina, a moza máis espelida; o seu corpo luxurioso a todo lle daba vida. Eses beizos entreabertos, esa mirada insinuante, ese escote xeneroso, ese andar abaneante. Á maioría de idade chegou un cinco de maio: cumpríu con vinteún celebrando o aniversario. Traballaba nun comercio vendendo pan ela soa; pouca xente na trastenda pero sempre había cola. A rapaza polas rúas pasea o peito imponente, detrás, traseiro glorioso que ollan os homes quentes. Carolina, Carolina, nos trasmallos enredando, un aparello tras outro, uns saíndo, outros entrando. Niso chegou Ramón de secretario ó Concello: enfeitizouno en tres días cando opinou o aparello. "Carolina non me importa a túa reputación". Pero ela sabe que sobra o final nesa expresión. Hoxe casan na capela, ateigada de varóns que esperan moi deprimidos a que comece a función. Pero cando chega o noivo a xente cambia a contenta porque na fronte do mozo observan gran cornamenta. Ata o curiña se alegra vendo o negocio mantido: panadería pechada pero co forno prendido.
  • Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.gal)

Relatos anteriores

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).