Hoxe: Elías (Carballo, 1.987)
13 de xaneiro de 2011 (08:06 h.)
Era Xurxo un rapaz bastante maduro para a súa idade, dezasete anos. Tiña unhas predileccións moi particulares en materia de mulleres, xa que non vía interesantes as rapazas que coñecía e só se ilusionaba soñando que algún día atoparía algunha que lle recordase as súas estrelas favoritas. Audrey Hepburn, Grace Kelly, Katherine Hepburn,..: ollos máxicos, sorrisos limpos, elegancia natural. Os pósters delas lucían na súa habitación, alucinando os amigos que o visitaban, tolos por Kim Bassinger ou Sabrina, cachondas sen discusión e tan afastadas do que eles calificaban de "místicas" ou "de mírame e non me toques". Pero a el dáballe o mesmo. Pouco valoraba unhas medidas de 120-60-90 e non lle suxerían moito uns carnosos beizos de pecadora cor bermella. E tampouco lle dicían nada as compañeiras de clase, tan tontas as guapas, tan feas as listas. Lidia, que un día andou a tontear con el e que tiña a medio curso detrás dela, non era máis que unha crida e só sabía falar de marcas. Como a súa propia irmá Maica, a quen lle levaba un ano. Todo o día escoitando os 40, lendo revistas do corazón e queixándose ós seus pais do farrapenta que ía en comparación coas amigas.
A mediados de curso chegou a tormenta emocional. Un rapaz de COU B, Elías, a quen coñecía de vista como asiduo e destacado xogador dos partidiños do recreo, entrou na súa vida sen chamar a porta. E cando caeu na conta, o tiña tan dentro que pensou se non se trabucara coa decoración do interior.
Todo empezou a mañá na que Elías o animou a xogar ó fútbol cos da súa clase cando estaba vendo un partido. Xurxo agradeceu a invitación pois sempre lle apetecera, canso da inactividade deportiva dos seus compañeiros de aula. Repetíuse o ofrecemento en dias posteriores e pouco a pouco foron conxeniando. Cando non había balón ían comer xuntos o bocata de tortilla ou a xogar ó futbolín no bar de Ramiro, onde formaban unha exitosa parella. En ximnasia coincidían e sempre o buscaba Elías para facer conxuntamente os exercicios. As veces, estando o profesor de costas, Elías imitábao e todos rían con gañas. Facíao con moita habilidade, coma case todo. Destacaba nos deportes e nos estudios; tiña o aprecio xeral dos compañeiros e Xurxo comprobou pronto o moito que atraía as mulleres, pois ó pouco de andar na súa compaña acosábano as da clase interesándose por el.
A verdade é que era ben parecido. O sorriso de anuncio e a mirada chispeante, con ollos que semellaban dúas lanternas negras. Se había unha cor negro radiante, esa era a dos ollos de Xurxo.
Todo aconteceu moi a presa. Acudían con frecuencia á biblioteca para estudiar xuntos. Xurxo abraiábase da capacidade do outro, que en media hora preparaba os exames. Paseniñamente íao idealizando: ledo, intelixente e divertido, maduro e sensato. Superara tamén a proba dos pósters, que eloxiou sinceiramente para dicir logo, nun aparte, que estaba namorado de Lauren Bacall. As confidencias sucedíanse e ó pouco sabían os pensamentos mutuos sobre familia, amigos, aficións, etc. No tema do sexo oposto, coincidían en calificar as do instituto como superficiais, e parábanse, aínda sen moito entusiasmo, en actrices, modelos ou nalgunha profesora destacada.
Catro foron os sinais que puxeron en alerta a Xurxo na súa relación con Elías. Catro detonacións que dinamitaron os cimentos da súa existencia.
O primeiro suceso foi o desasosego que sentíu un día no que non atopou a Elías. Buscouno inquieto na cafetería, nos campos de deportes e nos arredores ata que ún de COU B lle dixo que faltara a clase. A xornada transcurrira baldeira, tan inútil que Xurxo quedou moi preocupado polas sensacións de ansiedade que tivera. Prometeuse dosificar as estancias con Elías para non obsesionarse de tal xeito.
O segundo foi en ximnasia. Nunca reparara nos contactos que tiñan nos diferentes movementos. Pero un día, mentres Elías facía abdominais e el lle suxeitaba as pernas, parouse a pensar no atractivas que eran, morenas, longas, fibrosas; estaba asíndolle os xeonllos e as mans esvarábanse cara ós muslos pola súor que cubría a fina pel. E notou o que se resistíu a crer fora un inicio de erección. Axiña baixou as mans ós botíns e concentrouse no profesor. Esa noite non puido durmir e dende entón ía a educación física co chándal máis frouxo que tiña.
Co terceiro aviso xurdíu unha chama que acendeu unha paixón xa contida a esas alturas con moito esforzo. Estudiando ámbolos dous, e tras un agudo comentario de Xurxo, Elías ríra con gañas e dixéralle que tiña moita sorte de ter tanto inxenio, e que se fose unha tía iría a cazalo sen dubidar para ter a diversión garantida. Xurxo mirouno con intensidade e deulle as grazas polo cumprido, mentres Elías, turbado, baixaba os ollos.
E o cuarto foi o definitivo, o que despexou o camiño das resistencias que fora poñendo, aquí e alá, Xurxo nese tempo. A tarde na que masturbándose no seu cuarto cunha revista pornográfica, tivo que pensar nel para excitarse. No medio do acto, mentres abaneaba a man pechando os ollos, sabíase librando a derradeira batalla. E cando os abreu con rabia e mirou para o cartel de Audrey, fuxiran os ollos amendoados e estaban os de Elías, co fulgor da intelixencia iluminando a cama na que Xurxo expulsaba a bandeira branca coa que se rendía á evidencia.
Ó día seguinte, sentado nas escaleiras do patio, olleroso e pálido, alterado pola trascendencia do paso que ía a dar, esperou a Elías. Dende o solpor non fixera máis que imaxinar o desconcerto inicial, e logo a aceptación ou as desculpas, pero tanto lle petaba con tal de desfogar uns sentimentos que o tiñan preso. Aínda que a verdade é que non. Non lle daba o mesmo, e ía a sufrir moito se fracasaba a confesión, pero xa estaba ó límite e tiña que pasar páxina. Tamén pensara nas reaccións da xente e da súa familia. Pero era tal a incerteza sobre qué diría el, que o demáis pouco sitio tiña na súa mente.
Chegou Elías, sorrinte coma sempre, pero a penas se situou a súa beira quedou serio, coa vista perdida nas ventás das aulas. Era o preludio dunha confidencia e Xurxo aplazou por uns instantes a declaración coa repentina ilusión de que estaban coincidindo na decisión.
- Xurxo ¿Non te vai parecer mal se che pido algo?
- Non, home ¿Que é?
- ¿Preséntasme á túa irmá Maica?
- ¿A Maica?
- Dende hai un mes coincidimos nos ensaios da banda de música. Gustoume dende o primeiro día e creo que eu tamén lle gusto porque..., ben, porque creo que sí, vaia.
- ...
- Oiches, que me dixeron que era a túa irmá despóis de coñecerte, eh? Non vaias pensar que son un conveniencias. De verdade que ando contigo porque me caes moi ben.
- Xa, xa,...
- Xurxo, tío, que serio estás. Que non che estou pedindo a súa man, só que ma presentes se pode ser ¿Que che pasa? ¿Por que choras, Xurxo, ostia?
- Nada, por nada,...- dixo Xurxo afastando as bágoas coas mans, ensaiando un sorriso imposible e pensando, angustiado, se non sería tarde para que voltasen uns ollos amendoados.
- Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.gal)
Relatos anteriores
- Hoxe: Na procesión (Fisterra, 1963).
- Hoxe: A última (Malpica, 1968).
- Hoxe: O Alzamento (Ponteceso, 1935).
- Hoxe: A semana (Zas, 1947).
- Hoxe: Os formidables de Nantón (Cabana, 1954).
- Hoxe: Comida (Arou, 1946).
- Hoxe: A porta (Camariñas, 1.944).
- Hoxe: A pequena (Frixe, 1.908):
- Hoxe: No fondo (Suarriba, 1.955).
- Hoxe: Un neno carbón (Corcubión, 1.926).
- Hoxe: Dúas irmás (Malpica, 1.951).
- Hoxe: A caixa (Berdoias, 1.957).
- Hoxe: A radio (Corcubión, 1.953).
- Hoxe: Sambaxada (Cee, 1.976).
- Hoxe: Tres días (Muxía, 1.949).
- Hoxe: O baile dos vampiros (Corcubión, 1.992) .
- Hoxe: Touliña (Camelle, 1.948).
- Hoxe: Un diaño por Fisterra (Fisterra, 1.913).
- Hoxe: O Regalo: (Corme, 1.9/opinion//hoxe-tres-dias-muxia-1-949/20100929171621098995.html) .
- Hoxe: Ego te absolvo (Carballo, 1.975) .
- Hoxe: Tuno de Oficio (Santiago de Compostela, 1.982).
- Hoxe: Regateo (Moraime, 1.950).
- Hoxe: O Macao (Baio, 1.988).
- Hoxe: Na Escola (Cabana, 1.971) .
- Hoxe: O último desfile de San Cristóbal: (Corcubión, 1.989).
- Hoxe: O álbum (Fisterra, 1.932).
- Hoxe: Xenerosidade e entrega (A Coruña, 1.994).
- Hoxe: O mozo de onte (Cee, 1.936).
- Hoxe: coMISIÓN SUICIDA (Corcubión, 1.972).
- Hoxe: A espera (Agualada, 1.981).
- Hoxe: Vertixinoso (Carballo, 1.974).
- Hoxe: Afogo (Laxe, 1.967) .
- Hoxe: A frecha (Corcubión, 1.969).
- Hoxe: Gloria (Ponteceso, 1.937).
- Hoxe: Un día de furia (Cee, 1.990).
- Hoxe: O Sabio (Lira, 1.978).
- Hoxe: Propulsión (Cee, 1.998).
- Hoxe: A decisión (A Coruña, 1.901).
- Hoxe: Desencontros na primeira fase (Muxía-Fisterra, 1.973) .
- Hoxe: O poeta II (Redonda, 1.980).
- Hoxe: A voz (Carballo, 1.995).
- Hoxe: O poeta I (Redonda, 1.941).
- Hoxe: Encaixe (Camariñas, 1.999).
- Hoxe: Sen perdón (Baio, 1.996).
- Hoxe: Unha foto (Ponte de Porto, 1.934).
- Hoxe: Sindo o bebedor (Cee, 1.983) .
- Hoxe: O monstro de Quilmas (Quilmas, 1.930).
- Hoxe: A burla (Laxe, 1.960).
- Hoxe: A illa do tesouro (Ézaro, 1.958).
- Hoxe: Carioca (Corcubión, 1.993).
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).