Hoxe: Lenda (Vimianzo, 1927) 

O adiñeirado ancián, case centenario, presentiu o seu final e decidiu reunirse con cada un dos seus fillos. Chamou primeiramente ao maior, Antonio, e preguntoulle que era para el o máis importante.

- A saúde, pai. Se hai saúde, todo o demais pode chegar. Eu estou sufrindo os primeiros achaques da miña vida e non estou preparado para soportalos, pois me atopo triste e sen ánimo.

Tras irse o fillo, o vello quedou pensando un tempo e logo mandouno chamar novamente para dicirlle:
- Antonio, cando tiña a túa idade tiven os mesmos temores que agora estás ti padecendo. Decidín por iso contratar a Carlos, o médico que me atende desde entón e que practicamente se dedicou á miña saúde. Por iso vivín tantos anos, pois me controlou a alimentación e os hábitos, realizándome probas continuamente para previr doenzas. A herdanza que che deixo serán os servizos de Carlos ou doutro doutor que o suceda, e as miñas rendas custearán os seus honorarios ata o fin dos teus días.

Foise satisfeito Antonio e contou aos seus irmáns o acontecido.
O pai chamou ao máis pequeno dos seus fillos, Pablo, que aínda estaba solteiro. Tamén lle preguntou que era para el o máis importante.

- Os amigos, pai. Se che rodea a amizade podes con todo; compartir risas é o que dá sentido á miña vida.

O pai escoitou en silencio e deixou que marchase o seu fillo. Pasada unha hora chamouno e díxolle:
- Fillo, a ti deixareiche a granxa de Cabana. Poderás alí empregar aos amigos que desexes e vivir folgadamente dos beneficios que reporta o negocio; Tomás, o capataz, porase ás túas ordes e ti poderás gozar da compañía da túa xente e da dos animais, que sei che apaixonan.

Saíu conforme da habitación Pablo e comentou aos outros o que pasara.
Tocoulle entón a quenda a Lino, o segundo dos irmáns, e o pai fíxolle a mesma pregunta.
- O máis importante é a familia, pai. Estar coa miña esposa e cos meus nenos, gozar da compañía dos meus pais e da confianza dos meus irmáns; todo iso dáme forza e éncheme.

Foise Lino e cavilou o ancián un intre. Chamouno novamente e díxolle:
- Fillo, será esta casa a que che quede en herdanza. Poderás vivir aquí coa túa familia e coidarás da túa nai; rodearache o meu recordo e o da túa infancia, e poderás compartir as rendas que lle legue á miña esposa.

Lino manifestou o seu contento aos outros irmáns relatando o sucedido.  
O pai chamou a Rubén, o terceiro, e preguntoulle que era para el o máis importante.

- O máis importante é o diñeiro, pai. Con diñeiro pódese conseguir todo o demais: os mellores médicos, a mellor esposa, a mellor casa, a mellor vida para os fillos,... Sen diñeiro este mundo é un inferno.

Escoitou o pai atentamente e non dixo nada. Ao día seguinte chamou a Rubén e díxolle:
- Pensei moito no que me contaches onte e decidín que se o diñeiro é tan importante, levareino á tumba porque quizá me faga falta tras a miña morte. Descoñezo se hai outro mundo, se hai outra vida, pero por se acaso desexo que me enterren cunha gran cantidade de billetes, pois me poden ser útiles na miña nova etapa. A ti e á túa nai confiareivos a responsabilidade de cumprir esta vontade. En premio poderás comprobar aos seis meses, nunca antes, se finalmente utilicei os billetes, e no caso de que non fose así terás a potestade de quedar co diñeiro.
- Pero pai...
- Fillo, os teus irmáns aceptaron de bo grado o disposto por min. Espero que non sexas ti a excepción.

E Rubén saíu abaixado da habitación e non comentou nada aos seus irmáns.  

O ancián faleceu aos poucos días e a súa viúva e Rubén cumpriron a súa solicitude de ser enterrado cunha gran cantidade de billetes que, metidos nunha saca, acompañáronlle no féretro, do mesmo xeito que unha caixa metálica que a súa nai puxo entre as mans do defunto sen dar explicacións ao seu fillo.

Pasaron unhas semanas e Rubén a penas podía durmir pensando no diñeiro enterrado. Prometéralle ao seu pai respectar a tumba seis meses, pero nin dous transcorreran cando a súa ansia por ser rico levoulle unha noite ao cemiterio equipado cunha pa. Tras apartar con gran esforzo a laxa de mármore, cavou e cavou sen descanso ata dar co ataúde do seu defunto pai. Forzou a tapa da caixa e tapándose o nariz para amortecer o pútrido cheiro que emanaba do corpo descomposto colleu a saca que estaba aos pés do morto e tamén a caixa metálica que tiña o cadáver entre as súas mans. Fóra da fosa, á luz dun farol, Rubén deixou a saca no chan e abriu expectante a caixiña; dentro, en aceptable estado grazas ao hermetismo do recipiente, só unha nota que dicía:

"Se alguén le este escrito antes de que transcorran seis meses desde o meu enterro, eu maldígoo desde a miña tumba. Porque se é un ladrón será o máis canalla dos ladróns, ao ser capaz de roubar unha sepultura. E se é o meu propio fillo, maldigo ao que lle furtou a alma e está dentro del. A maldición que recaerá sobre o miserable que lea isto impediralle ser feliz co diñeiro, que só lle carrexará malo sangue".

Tras ler a mensaxe, Rubén tirou o papel ao chan con desprezo, abrindo a saca e achegando a cabeza ao seu interior para comprobar o estado do botín. De súpeto sentiu unha picada no pescozo e deixou caer o diñeiro ao chan, observando arrepiado como unha víbora de gran tamaño saía da saca e perdíase entre as tumbas. Rubén comezou a choromicar, intentado apertar o lugar da mordedura para expulsar o veleno. Pensou con odio nun primeiro momento se esa serpe estaba alí posta por alguén, pero aínda coa lucidez minguada a causa do shock deduciu que fora unha casualidade e que o animal se coara había pouco tempo na saca. Comezou a marearse e a sentir fortes dores en pescozo e peito; tropezou coa pa e foise achegando queixoso ata a fosa aberta, caendo no seu interior case sen sentido. O ataúde aínda estaba aberto, e a poucos centímetros do rostro descomposto do seu pai, Rubén acertou a rumorearlle ao oído antes de morrer:
- Malo sangue, pai, ...acertaches...malo sangue...

  • Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.gal)

Relatos anteriores

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).