Hoxe: O espello (Cee, 1925)

O que non sabía Darío era que a mediados do século dezanove un home chamado Iván volvérase tolo e matara á súa muller e á súa filla. Tratábase dunha familia acomodada que vivía nunha gran mansión, herdanza do pai de Iván, que fixera fortuna en Madrid grazas a unha casa de empeños de dubidosa reputación. Cando os pais morreron, Iván e a súa familia mudáronse alí, vivindo das rendas legadas. O aburrimento e unha inclinación conxénita cara ao lado escuro provocaron en Iván auténtica obsesión pola maxia negra e o satanismo, que practicaba continuamente. O ensimismamento de Iván, do que non puideron apartarlle nin familia nin amigos, derivou en acelerada tolemia, que se manifestou brutalmente no  asasinato da súa esposa e filla, asfixiando a ambas coas súas propias mans. Os criados da casa conseguiran reducilo a duras penas tras o macabro suceso, empuxándoo a unha sala sen fiestras e pechando con chave a fornida porta. Con todo, cando chegou  a Garda Civil atopouse coa habitación baleira. E por moito que buscaron non acharon explicación á desaparición, pois non había túneles, nin trapelas, nin falsos teitos ou paredes; o único estraño que detectaron foi un forte cheiro a xofre que desprendía o gran espello que ocupaba boa parte da parede da sala.  

O que si sabía Darío era que a súa tía Fina comezara a vivir nesa mesma mansión a finais do século dezanove, tras adquirila nunha poxa. El era aínda un neno, pero recordaba oír á súa nai comentar con outros adultos o rechamante deterioro físico e síquico da pobre Fina desde que moraba nesa casa. Tiña Darío oito anos cando atoparon a Fina morta na mesma sala onde desapareceu Iván. A porta estaba pechada con chave desde dentro e o corpo atopábase tendido no chan fronte ao gran espello. O rostro de Fina estaba desencaixado e ditaminouse polo forense que a causa da morte fora un fallo cardíaco, aínda que eran evidentes unhas acentuadas marcas na súa garganta que parecían provocadas por unha man.

Transcorreron dúas décadas e tras falecer os seus pais Darío herdara a mansión de Fina. Decidiu vendela porque non se vía residindo nela tras o acontecido coa súa tía, pero antes pensou en revisar o seu contido para tratar de aproveitar algún moble ou elemento decorativo do seu agrado. Todo pareceulle anticuado agás unha alfombra e o gran espello da sala, levando ambos obxectos á súa vivenda. Instalou no salón o espello, que se conservaba incriblemente limpo para os anos que tiña; alí comezou a mirarse con asiduidade, xa que o reflexo era especial en relación ás habituais dos demais espellos. Especial... e perturbadora: Darío cría ver sorrisos na súa boca que xuraría non eran reais e creu ver algún movemento do seu brazo dereito que non se correspondía cun cambio de posición auténtico. En varias ocasións xurou non volver a contemplarse no espello pero sempre caía na tentación, pois a imaxe que lle devolvía era en certo xeito hipnotizante.

Unha noite na que se dirixía ao seu dormitorio observou unha tenue luz que se filtraba baixo a porta do salón. Pensando que se deixara a lámpada sen apagar, entrou na habitación e comprobou estupefacto que estaba na máis completa escuridade. Ía pechar de novo a porta cando reparou no espello. Algo lle atraía cara a el e tras acender a luz camiñou amodo ata porse enfronte do cristal. Viu o seu rostro serio no reflexo e estivo pendente dos brazos, que tiña pegados ao corpo con firmeza; cando volveu a fixarse na súa cara, contemplou un sorriso exasperado que lle fixo sobresaltarse e levar rapidamente a súa man á boca para palpala e comprobar se ese xesto existía na súa cara. Os seus dedos temblorosos acharon uns beizos selados, mentres o que vían no espello os seus ollos, abertos ata o infinito, era outra man distinta á súa enriba dunha boca que parecía querer carcaxearse. Darío estaba paralizado e non reaccionou cando esa mesma man saíu do cristal e agarrouse ao seu pescozo con violencia ata asfixialo por completo.

Os seus curmáns percorreron o piso tras o funeral de Darío e consensuaron destruír o espello, que xa posuía unha lenda negra considerable. Un deles rexentaba unha carpintería e ordenou a un dos seus empregados que aproveitase o lucido marco de madeira e que rompese o cristal para tiralo  nalgún vertedoiro.  

O que ti non sabes é que o encargo cumpriuse a medias: efectivamente utilizouse o marco para varios complementos, pero o espectacular espello foi vendido polo empregado a unha fábrica de mobles por un módico prezo. Ese negocio quebrou aos poucos meses; as súas existencias agardaron pacientes no almacén ata que moitos anos despois unha moderna empresa de mobles de baño fíxose co material e empregou para a súa produción o que resistía en bo estado. Entre o aproveitable estaba o enorme espello, que se conservaba inmaculado a pesar dos anos. A fábrica cortouno para destinalo a varios mobles de baño. Quizá un deles sexa o teu. Desconfía de cada sorriso que advirtas no teu espello, porque un deles podería ser o de Iván.  

  • Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.gal)

Relatos anteriores

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).