Hoxe: Os formidables de Nantón (Cabana, 1954)

Na década dos cincuenta coincidiron en Nantón unha ducia de homes cunha destreza especial para o balompé. Percorrían as vilas e aldeas da bisbarra de Bergantiños coincidindo coas súas respectivas festas patronais, retando ó equipo local a un partido de fútbol.  As regras eran as seguintes: só por xogar o encontro, os de Nantón estaban convidados a comer e beber os días que durase a festa por conta da comisión. Se gañaban, a invitación se extendía á celebración do ano seguinte. Se perdían, estaban obrigados a xogar no ano vindeiro sen compensacións. Chamábanlles os formidables de Nantón, pois ninguén recordaba un atallo de xogadores con tal coraxe e habilidade. Despois de dous veráns invictos tras a xira festeira, as comisións disputábanse a presenza dos formidables porque eran unha atracción con poder de convocatoria semellante a levar Os Satélites: para os amantes do deporte por ver a exhibición de xogo, e para o resto dos veciños polo morbo que significaba un reto no que os locais se afanaban por derrotar aos invencibles por vez primeira. Nunha festa de san Xoán de Cabana, un dos de Nantón cortexou unha rapaza que resultou ser a filla do capitán do equipo cabanés. Enterouse este do achegamento, e advertíu ó casanova para que non volvese a aproximarse á xoven. Carlos, que así se chamaba o advertido, era un mullereiro empedernido e, como os seus compañeiros de grupo, non era fácil de arredar. Así, na verbena do ano seguinte arranxou unha cita con ela antes do partido, ignorando os severos avisos do capitán do Cabana. Cando estaban disfrutando nun cabanel, apareceu o pai cunha cuadrilla de amigos, disposto a darlle un escarmento a Carlos. A boa forma física deste permitíulle fuxir con velocidade dos matóns, que o perseguiron ata un bar onde o de Nantón se meteu buscando algún compañeiro. Efectivamente, alí tomaban un viño o gran Cachuco (un tiparrón de metro oitenta e cen quilos de músculo) e dous integrantes máis dos formidables. Os de Cabana, que eran doce, esperaron na porta do establecemento a que saíran Carlos e compañía, o cal se produciu sen moita dilación. A pelexa foi histórica. Dende as Termópilas (contaban logo os presentes) non se vira unha contenda tan desnivelada: doce contra catro. Pronto quedaron fóra de xogo Carlos e outros dous de Nantón, mallados a piñas polos abusóns de Cabana. Tan só Cachuco quedou en pé, repartindo golpes como trancazos. Comezaron a caer contendentes, machucados polos puños de pedra do formidable animal. Por un instante os veciños que contemplaban a liorta pensaron que Cachuco podería con todos. Pero chegaron malas novas para el, en forma dun reforzo de cinco homes máis para os de Cabana. A escena que vou relatar agora está recollida en xornais daquela época, pois ainda que parezca incríble, máis de trinta testigos  dan fe do prodixio. Cando os de Cabana decidiron facer un ataque simultáneo contra Cachuco, semellaron mil lobos contra un elefante. O formidable xa a penas podía cos brazos de tanto uso que lles dera, e víu como algúns o agarraban polas pernas, polas costas e polo pescozo, mentres outros o empurraban coa intención de abatilo e reducilo no chan. Entón Cachuco pechou os ollos, braceou coma un tolo, ouveou  tal se fose unha besta malferida e...¡levitou! A súa desesperación liberou case tanta enerxía como unha bomba atómica e provocou que o formidable entrara nunha especie de trance que rematou con Cachuco a dous palmos do chan ante o asombro dos atacantes, todos paralizados polo milagre da ascensión. A maravilla durou catro ou cinco segundos, transcorridos os cales os pés do de Nantón  volveron a toca-la terra. Cachuco sentíuse entón mareado e apoiouse nun muro, onde o atenderon os recuperados compañeiros. Os de Cabana marcharon atordidos e doentes, comentando en voz baixa a proeza. A partires de aquela data os formidables comezaron o seu declive. Foran tantas e tan grandes as impresións do suceso que lles afectaron na concentración dos partidos posteriores. O día en que perderon contra o Camelle, ó que tódolos anos mallaban a goles, decidiron desfacer o grupo. O curioso foi que o Malpica fichou a Cachuco, un defensa irredento, para xogar de dianteiro centro coa esperanza de que puidera levitar novamente e rematar de cabeza algún balón. Berraba e braceaba con furia nos córners, pero só subía o que era capaz de saltar polos seus propios medios. O experimento rematou mal: Cachuco non ascendeu nunca máis e o Malpica descendeu a terceira rexional.
  • Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.gal)

Relatos anteriores

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).