Hoxe: Tocando (Toba, 1966) 

"...carrusel de colores, parecía una cumbiamba, y de pronto surgió una reina estrellada, era Marta la Reina que en mi mente sonaba..." 
Rodolfo

Uii, como está hoxe Tomás de desafinado. Por moito que digan os demáis, dende que se foi  Tito isto xa non é o mesmo. Aínda que me esforce co saxo, si a trompeta non acompaña... Pero total, para o que entende esta xentiña de música, qué máis dará; si eles con tal de bailar un pouco de pachanga... Está a festa ata os topes, nin vexo dende aquí onde acaba a xente. Parece unha aldea con catro casas e creo que temos máis público que nas verbenas de Ferrol. Catro casas, si, pero Os Satélites e nós na mesma noite. Non sei de onde sacará o diñeiro a comisión, se dende aquí só se ven leiras... 

"Con dinero o sin dinero, yo hago siempre lo que quiero, y mi palabra es la ley..." 
Curro

Xa está Rodolfo nas berzas. Moito saxo de importación pero hai que vivi-la música, que nin fai un meneiño nos merengues. Se quere tocar máis en serio que se meta na banda de música ou nunha orquestra de cámara. De cámara lenta, je, je, je, porque mira que se move despacio o figura. Ui, estánseme esvarando os paos da man. Cada vez me súan máis as palmas das mans, vou ter que poñer pos de talco, coma os ximnastas. Veña, ostia, caña brava, que a xente quere movemento. ¿Por que tanto súor? Collerei disimuladamente un pano para envolver os paos... 

"Era la piragua de Guillermo Cubillos, era la piragua, era la piragua..." 
Miguel

¿Pero que fai o pallaso de Curro? Tocando a batería cun pano nas mans... Esta osquestra é cada vez máis pailaroca. Dentro de nada me vexo tocando o baixo nas vodas. Os dos Satélites si que teñen presencia, e nótase que hai disciplina no grupo, está claro que manda o cantante. Aquí, se ven Eladio aínda hai algo de orde, se non cada un fai o que lle peta. E Fernando vai a peor, xa non se lembra das letras das cancións. ¡Viches! Acaba de substituir unha estrofa por un "na, na, na" porque non se acordaba do texto. O público non se entera, pero a cara que está poñendo Rodolfo...vaia bronca haberá. Ai, Fernandiño, coma sigas bebendo tanto non vas recordar nin o teu nome... 

"Me voy pa´l pueblo, hoy es mi día, voy a alegrar todo el alma mía.." 
Fernando

¿Daríase conta alguén do olvido? Os compañeiros si, claro...  mira que cara ten Rodolfo. Pois el que mova o cu, que parece unha estatua. Deus, vaia lapsus. Como carallo era...doce sombras... non, é igual, pensa nesta canción que aínda vas trabucarte. Xa repasarei mellor as letras. Un par de cafés antes das actuacións e xa verás como non se me esquece máis nada. Aínda que o café mo prohibiron tamén. O alcol, o café, o tabaco... isto non é vida. Boh,  non sería vida de facerlle eu caso ós médicos; o do tabaco, vale, pero sen non podo tomar un grolo de coñac  de cando en vez... Aquela de alí ¿non é Elena? Que va. Estou obsesionado, nunca pensei que ía botala tanto de menos. "Fernando, elixe, eu ou a carallada". E eu todo chulo díxenlle que a carallada. E agora vivo nun inferno, con carallada, pero nun inferno.   

"Yo me voy a playa blanca, la tierra más preferida, voy a visitar a una amiga que cumple un año más de vida..." 
Suso

Ido. Canta ido o pobre de Fernando. Coma se estivera cantando a lotería. Pois a culpa foi del, que Elena ben o quería. Cando se entere de que saio con ela non sei como reaccionará, pero se ocurre espero que nese momento non esté borracho porque é capaz de racharme a guitarra na cabeza. Teño que pensar con calma o da oferta dos Key, que por certo me dixeron que van contratar a unha muller para cantar, e creo que iso é o futuro. Cunha minifalda e unha voz xeitosa arrasarían nas festas, e tamén bailan mellor que os homes. Ui, calquer día Fernando cae do palco bailando un pasodobre, porque entre a media tranca, o despiste e que non sabe medir os movementos... 

"El beso, el beso, el beso en España, lo lleva la hembra muy dentro del alma..."   


Efectivamente caeu Fernando do palco mentres cantaba o pasodobre, pero coma había unha morea de xente quedou enriba dos asistentes das primeiras filas e foi a orixe da moda posterior de tirarse sobre o público. Suso, o guitarra, fichou polos Key e levou  consigo a Elena, que tras facer unha proba debutaría de cantante co nome artístico de May. Curro, o batería, averiguou semanas despois que suaba tanto porque lle poñía nervioso Rodolfo, que en realidade lle atraía e non remataba de asumilo; vivíu toda a vida sen saír do armario. Miguel, o baixo, liouse cunha rapaza de dezasete anos que era de Muros e seguía as actuacións da orquestra por todo Barbanza e Costa da Morte; casaron, viven en Carballo e tiveron un fillo que chegou a tocar nos Herdeiros da Crus. Rodolfo e Tomás enfrontáronse a piñas durante a interpretación dun mambo nunha verbena de Sada por mor duns cínicos sorrisos de Rodolfo ante un erro do outro; foi cómico ver a Fernando cantando (a profesionalidade ante todo: nunca se debe parar a actuación) "uno, dos, tres, cuatro..." mentres os músicos  arreábanse guantazos ó ritmo da canción. Eladio, o xerente, tomou cartas no asunto e botou do grupo a Tomás, que rematou tocando a gaita nos Zoqueiriños de Campolongo. Rodolfo permaneceu na orquestra, que por certo se chamaba "Amizade".

"Tres cosas hay en la vida: salud, dinero y amor; el que tenga esas tres cosas, que le dé gracias a Dios..."

  • Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.gal)

Relatos anteriores

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).