Londres: a cidade onde todo o mundo é forasteiro
Co voso permiso, quixera comezar o meu primeiro artigo de 2015 desexándovos a todos un próspero e feliz ano no que a saúde non vos falte. Happy New Year all!!
Dito isto, entro xa en materia, e gustaríame facelo cunha comparación que me vén á mente. Lembro a miña época como universitaria en Santiago de Compostela. Era moi doado coñecer xente chegada de todos os puntos da xeografía galega, e incluso do resto de España e doutros países. Pero coñecer xente orixinaria da propia cidade era un reto moito máis complicado. De aí que, en ausencia de estudiantes e peregrinos, a capital galega semella, aínda hoxe, unha cidade pantasma.
Pois ben, en Londres acontece o mesmo, pero elevado á enésima potencia. Debo recoñecer que, nos case dous anos que levo aquí, apenas coñezo ingleses. Nembargantes, coñezo unha morea de checos, polacos, indios, paquistaníes, canadienses, australianos e un longo etcétera, etcétera no que, como non podía ser doutro modo, os españois cobramos presencia a pasos axigantados.
Aquí convivimos persoas procedentes de todos os recunchos do planeta, e pertencentes a todas as razas e a todas as culturas das que hai rexistro, o que provoca que sexan os propios ingleses os que semellan estranxeiros no país. Para mostra, un botón. Na oficina na que eu traballo somos sete persoas, distribuídas do seguinte xeito: unha sudafricana, unha inglesa, un bangladeshí, dúas checas, un húngaro e unha española (creo que sobra dicir quén...). Ademais, ata data recente tamén traballaba con nós un canadiense.
Para min, e isto é meramente opinión persoal, esta multiculturalidade é un dos maiores atractivos da vida en Londres, pois permite aprender moitísimo do que é a vida –por exemplo, malia que en España non estamos para tirar foguetes, en moitos outros países cambiaríanse por nós cos ollos pechados-, así como desenvolver cualidades como o respecto, a tolerancia e maila humildade.
Take care everybody!! See you soon!!
- Paula García Costa, vimiancesa licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e co Máster en Formación do Profesorado pola Universidade da Coruña (UDC).
Artigos de Paula García Costa
- The Christmas’ Spirit.
- Desmiuzando o ‘National Health System’.
- España vs. Inglaterra: Dous universos paralelos.
- The new ‘Spanish Army’.
- Cómo buscar traballo en Londres.
- O reto de atopar vivenda en Londres.
- Welcome to London.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).