O Dilema

O recente aniversario, o deste pasado luns, que nos recorda que no ano 1936 a sociedade española demostrou a súa total incapacidade para actuar civilizadamente e a súa natural deriva cara escenarios violentos as primeiras de cambio, tamén serve para pensar na actual situación de deriva moral, social, política e económica. O 18 de Xullo do 1936, un grupo de mandos militares decidiu que eles sabían mellor que ninguén que era o que España precisaba. Un país, aquel do 36, enfangado nun eterno debate entre dereitas e esquerdas, sen base económica e ademais, frustrado pola escasa diferenza entre a República e a anterior monarquía no que se refire o dia a dia dos cidadáns mais desfavorecidos. Nese contexto, de fame, de analfabetismo, de ausencia de perspectivas de futuro é no que se produce o golpe de estado. Nada que ver coa nosa actual situación… ou si. Non vou facer paralelismos collidos polos pelos pero si un par de matices. O primeiro pasa pola permisividade dun país que segue debatendo sobre si esta ben ou mal abrir as fosas do holocausto franquista para saber realmente quen e como foi asasinado e soterrado polas súas ideas. A permisividade dun país que admite que existan partidos que non condenaron nunca a ditadura pero apoia que se prohiba a esquerda abertzale porque parte dela non quere condenar os crimes de ETA. A permisividade dun país capaz de saír a rúa en masa a defender a permanencia dun equipo de fútbol na primeira división pero incapaz de obrigar, pola forza si é preciso, a que un delincuente cuasi confeso deixe de gobernar unha comunidade autónoma, ou un concello. A absoluta permisividade dunha cidadanía atontada, durmida, lerda, ignorante e incapaz de entender que se xoga con eles, que non son mais que burros de carga, so convocados cada catro anos para lexitimar a opción menos mala nas urnas da vergoña. Unha sociedade que permite recortes en educación e sanidade sen reclamar, repito, en masa e pola forza si é preciso que se recorten primeiro os soldos millonarios das súas señorías. Unha sociedade inútil, inhabilitada para alcanzar consensos ou abrir debates públicos senón o indican os “gurus” de turno, que nunca analiza nada senón o indican Pedro J. ou Gabilondo, que carece de capacidade e personalidade para decidir que certos debates lle importan un pito e que faltan outros mais graves por manter, como o referidos a propia condición da cidadanía, a democracia ou cal é o mellor sistema para mandarnos. Unha sociedade que segue ao pe da letra o ditado dos mass media, agora toca fútbol, agora a Esteban, agora o prezo dun café. Unha sociedade lamentable na que por desgraza temos que vivir Agora seguro que atopamos similitudes entre o 18 de Xullo do 1936, militares a parte, e o 22 de Xullo de 2011. So fai falla mirar.
  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Máis información e contacto

Novas relacionadas

Verdades anteriores