O reto de atopar vivenda en Londres

A vivenda (acommodation, en inglés) é, sen lugar a dúbidas, a maior dificultade que un se atopa ao chegar a Londres. Dar con unha habitación decente nunha zona asequible moi raras veces baixa de 500 libras ao mes (algo máis de 600 €), mentres que o salario mínimo interprofesional –o que percibimos a maioría dos mortais nesta cidade, especialmente os emigrantes- apenas supera as 800 libras (pouco máis de 1.000 €). Se a iso engadimos o prezo do transporte público –incluso posuíndo a Oyster Card, que é o nome co que se coñece o bono de transporte-, así como os gastos derivados da manutención, chegar a fin de mes nesta cidade é un auténtico desafío…

A miña primeira vivenda aquí foi preto de Portobello Road, encadrada na Zona 2 (Londres divídese en 6 zonas xeográficas, numeradas do 1 ao 6 en función da súa proximidade ao centro), onde pagaba 500 libras ao mes por unha habitación individual. Alí compartín o fogar con unha familia galega que me abriu as portas da súa casa e do seu corazón sen apenas coñecerme, motivo polo cal sempre lles estarei agradecida. Esta experiencia prolongouse durante case un ano, ata que á dona da casa lle diagnosticaron un cancro de pulmón. Sobra, pois, explicar o por qué do meu adeus…

Tras unha marcha precipitada e unha búsqueda a contrarreloxo, atopei unha habitación ampla e coqueta en Tooting Broadway (Zona 3) polo mesmo prezo. Iso si, máis afastada do centro, onde se atopa o hotel onde traballo. Asinei un contrato con carácter indefinido e 3 meses de período de proba. Todo marchaba sobre rodas (ou iso pensaba eu), ata que, pasados tan só 2 meses, o encargado da casa –que non o dono, ao que, por certo, nunca cheguei a coñecer- comunicoume que debía abandonar a vivenda. Como poderedes comprender, non só me sentín como se estivera participando nunha nova edición de ‘Gran Hermano’, senón que debo recoñecer que estiven a piques de desistir e voltar a casa. Se algunha vez emigrades, saberedes do que falo, sobre todo se o facedes sos, como foi o meu caso. Afastada da familia, dos amigos e da casa, cada pequeno bache e cada pequena dificultade dobran a súa magnitude e o seu impacto.

Nembargantes, a vida sempre nos agocha algunha que outra sorpresa. Cando tiña case decidido voltar a Galicia, os meus compañeiros e maila miña xefa convencéronme para que non o fixera. Quixo tamén o destino que, despois de varios meses na listaxe de espera para acceder a un cuarto na residencia para empregados que a miña compañía posúe, me asignaran un, aínda que algo axudou tamén a miña delicada situación.

Dende entón, a miña vida deu un xiro de 180º. Agora vivo en pleno centro, a escasos metros do meu posto de traballo –polo que non gasto en desprazamentos- e a un prezo que podemos considerar módico en Londres. Malia todo, o tamaño da miña habitación equivale, aproximadamente, ao tamaño do cuarto de baño da miña casa en Vimianzo –e non vaiades pensar que vivo nunha mansión..., é unha vivenda como tantas outras na Costa da Morte-. Quero dicir con isto que, se algo aprendín en Londres, é a valorar cada pequeno detalle da vida, por insignificante que poda parecer. Calquera casa estándar da Costa da Morte é pouco menos que un palacete aquí en Londres!!

  • Paula García Costa.

Artigos de Paula García Costa

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).