Pensando nas Mulleres Traballadoras
04 de xuño de 2010 (21:58 h.)
Tódolos anos chegando esta mesma data, fago a mesma reflexión referente ao día internacional da muller traballadora. Cando deixaremos de conmemorar este día, para ver o feito de maneira natural?
As organizacións en defensa da igualdade, aseguran que é unha maneira de que se recoñeza a gran labor social e profesional da muller nunha sociedade que aínda contempla aspectos sexistas. Podo chegar a compartir este pensamento, pero insisto en que este día non é noso, senón de elas.
O 8 de marzo, é unha homenaxe ás mulleres que morreron queimadas na fábrica onde traballaban, a principios de 1900, en Nova York, mentres se mantiñan encerradas para protestar polas súas condicións laborais.
Tamén é o día de lembrar ás mulleres rusas que durante a primeira guerra mundial saíron un domingo a rúa a pedir “pan e paz” para o seu pobo e as forzas do Zar arremeteron contra elas. É un día de homenaxe ás loitadoras que cambiaron a historia dun país, que dende un segundo plano quixeron que o mundo fose máis digno para todos.
Hoxe, as mulleres podemos votar e traballamos fóra da casa, pero realmente acadamos esa igualdade tan anhelada pola nosas predecesoras?? A resposta é contundente. NON. Continuamos tendo infinitas dificultades para conciliar a vida laboral coa familiar, no traballo continuamos cobrando menos que os compañeiros e seguimos escoitando expresións como estas: “neniña fai isto”, “guapa resolve isto outro”. No traballo non hai xénero!!! E temos que entender ben isto, ou como din os maiores... mal vamos!
O día da muller debe ser unha homenaxe a un feito puntual e histórico, unha celebración polas que nos fixeron chegar ata aquí, e deixemos de lado as proclamas sexistas dun día que por natureza xa non debería existir.
- A Denosiña (denosina[arroba]quepasanacosta.gal).
Soliloquios anteriores
Novas relacionadas
- O Día da Muller cumpre 100 anos na Costa.
- A Costa da Morte á cola da implantación da internet en Galicia.